O concelleiro popular Óscar Poy explica que “no propio Plan de Roza, que arrancou o pasado 13 de xuño, figura que no mes que se leva traballando actuouse en menos da metade das 54 parroquias do municipio”
O Partido Popular solicita ao bigoberno que acelere a roza e a limpeza das cunetas da zona rural. “Estamos nun momento de alto risco e a maleza que hai en numerosas pistas dos 330 km2 das 54 parroquias que temos non é un tema menor” reflexionaba o concelleiro popular Óscar Poy.
“É preciso cambiar a forma de traballo” razoaba o edil do PP xa que “neste momento, e tal e como se recoñece no Plan de Roza do bipartito, dan prioridade ás actuacións dependendo de se hai festas parroquias, comidas veciñais e outro tipo de eventos”. Para Óscar Poy “é preciso cambiar a forma de traballar” indicando que “hai que deixar de lado os desbroces selectivos a golpe de verbena e tratar á veciñanza da zona rural dunha forma máis seria, é dicir, limpar dependendo do estado no que atope a maleza”.
“Segundo o documento facilitado polo propio concello os desbroces na zona rural comezaron hai un mes (o pasado 13 de xuño) polo que de non incrementar o ritmo de traballo non rematarán ata que acabe o verán.
O concelleiro popular, que fixo unha revisión de varias parroquias do concello, subliñou que “a día de hoxe hai moito máis da metade dos núcleos sen desbrozar o que supón un perigo para seguridade vial, xa que a maleza invade as vías e os vehículos non se poden arrimar á beira, polo que o risco de accidentes é maior”. Tamén se incrementa o perigo de incendios coa seca e os episodios de calor extremo”.