Antonio Ameijide reclámalle á alcaldesa a supresión do cargo da Dirección Xeral de Recursos Humanos, “á vista de que non resolveu ningún problema dende a creación deste posto hai sete meses e de que nin sequera participou na redacción da RPT”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, reclámalle á alcaldesa de Lugo que estude “eliminar” o posto da Dirección Xeral de Persoal, dado que “nos sete meses que transcorreron dende a súa creación, demostrouse a ineficacia e a inutilidade dun cargo que estivo cuestionado dende o primeiro momento”.
“Sen entrar a cuestionar a profesionalidade e a valía de quen desempeña estas funcións, o certo é que a implantación deste posto directivo non solucionou ningún dos conflitos que se foron xerando nin dos que viñan herdados”, expón o popular, para quen “o máximo expoñente” disto é a situación que atravesa a Escola Municipal de Música, “no aire e á que este goberno local, con apoio desta figura, non soubo darlle unha solución, senón que, ao contrario, segue a velas vir e con novas sentenzas xudiciais en contra”. “Iso por non falar do nomeamento no seu día irregular e irresponsable do encargado de tramitar as sancións na Policía Local”, lembra.
Nese senso, o popular asegura que “o máximo responsable do desgoberno que reina nesta materia é o goberno e, máis concretamente, a alcaldesa, que é quen ten atribuídas directamente as competencias sobre os recursos humanos”. Así, Ameijide acúsaa de practicar “política ficción”, da que “a mellor mostra foi a aprobación da declaración de servizos sociais en nove áreas, que se presentou como o revulsivo para a contratación e na que non se deu nin un mínimo paso dende o acordo da Xunta de Goberno do 6 de outubro”.
Así mesmo, o vicevoceiro popular tamén alude a que “este posto tampouco se xustifica se se analiza a falta de avances na convocatoria dos postos contemplados na Oferta de Emprego Público do ano 2015 e do ano 2016 ou a inexistencia de melloras en servizos que os socialistas foron paulatinamente desmantelando”, como o de augas ou o dos electromecánicos.
Por outra banda, Antonio Ameijide ironiza co concepto de “provisionalidade” que ten o goberno socialista, que, mes tras mes, vai “blindando e consolidando unha situación que, de acordo coas súas propias verbas, non debería ser máis que transitoria”. “Pero o certo é que, unha vez máis, igual que pasou coa supresión da ORA ou con facer da Ronda da Muralla zona 30, os feitos e a realidade volven desmentir ao goberno”, sentencia.
Por último, o popular alerta de que aos lugueses sáenos “moi caro” o “capricho político” de PSOE, Ciudadanos e Lugonovo de crear “un cargo que se demostrou que non era necesario”. “Lugonovo tiña neste posto a excusa perfecta para apoiarlle despois as ordenanzas fiscais de 2017 a este goberno e, coas desculpas destes días do voceiro socialista respecto da contabilidade creativa e mutante de Lugonovo, parece que tamén terá desculpa para sacarlle adiante os orzamentos municipais deste exercicio do que xa vai case un mes”, conclúe.