Tráfico

O PP pide que se habilite o préstamo municipal de bicicletas no Paseo do Miño

By 24 Agosto, 2016Sin comentarios

 Antonio Ameijide propón que se recuperen as bicicletas que xa ten adquirido o Concello no Rebicíclate e que, “mentres que non se recupera este programa para o conxunto da cidade”, se implanten puntos de préstamo ás beiras do río Miño

 

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, pide ao goberno municipal que habilite un sistema de préstamo municipal de bicicletas no Paseo do Miño.

Tal como explica o edil popular, “neste momento o Concello dispón de alomenos 25 vehículos deste tipo que foran adquiridos para o programa Rebicíclate que están abandonados nun almacén, sen darlles ningún uso e provocando que o paso do tempo e a falta de utilización os fagan inservibles”. “Polo tanto, a lóxica di que non ten sentido ningún ter tiradas esas bicicletas en lugar de estarlles a sacar proveito nun punto emblemático da cidade como son as beiras do río”, detalla Ameijide.

Nesa liña, o vicevoceiro popular propón aos socialistas que estuden a maneira de que “tanto lugueses como turistas teñan unha maneira máis saudable e natural de achegarse ao Miño e de desfrutar dun Paseo que lle debemos ao último alcalde popular, Joaquín García Díez”. “A todos os políticos de todas as forzas se nos enche a boca falando de potenciar o río e as zonas verdes, pero é hora de pasar das palabras aos feitos”, asevera, ao tempo que incide en que “esta medida non tería practicamente custe económico ao dispoñer das bicicletas”. “Estamos a falar de algo que é tecnicamente posible, posto que se trata dunha alternativa que xa existe en moitas outras cidades”, matiza.

“Máis preocupación da alcaldesa”.-

Por outra banda, o vicevoceiro popular, Antoino Ameijide, reclama á alcaldesa socialista que “a súa preocupación e o interese polas bicicletas vaia máis aló dun día ao ano”, en referencia á chegada hoxe da Volta Ciclista á cidade, “evento que, por suposto, apoiamos dende o Grupo Municipal do Partido Popular”.

Nese senso, Ameijide pídelle “valentía” e que “adopte medidas e decisións que sexan un verdadeiro estímulo e que supoñan un impulso real ao uso destes vehículos”, en lugar de cinguirse a “xestos de cara á galería aos que están tan acostumados nos ten”. Entre estas intervencións, o popular alude, “ademais de á recuperación do programa Rebicíclate, cuxa instalación nos custou 117.600 euros, á ampliación dos espazos de estacionamento específicos “seguros e protexidos”, á creación dun rexistro municipal de bicicletas “que dea maior seguridade aos usuarios” e a incorporación de novos treitos para a circulación de ciclos, “de xeito que cheguemos aos 47,4 quilómetros deste tipo que recomenda o Plan de Mobilidade, moi lonxe dos 4,6 quilómetros actuais”.

Por último, o vicevoceiro suxire melloras de cara á reimplantación do Rebíciclate, “que debe ser inminente”, como a gratuídade total do sistema para os veciños censados en Lugo, “aínda que cunha garantía de fianza grazas a unha tarxeta de crédito”, a ampliación do número de bases dispoñibles, “multiplicando as cinco existentes ata as 22 que recomenda o Plan de Mobilidade”, a adquisición de bicicletas eléctricas ou a instalación dun sistema de videovixiancia. “Son todas propostas sensatas e coherentes que buscan impulsar a recuperación dun programa que será o termómetro da verdadeira preocupación da alcaldesa por esta cuestión”, advirte. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies