Medio Ambiente

O PP pide rebaixas nas taxas do cemiterio municipal

By 1 Novembro, 2015Xaneiro 13th, 2016Sin comentarios

A concelleira popular Ana López anuncia que pedirá que as ordenanzas fiscais do 2016 inclúan unha redución nos importes de inhumación en panteón e en nicho, “as máis caras con diferenza de todas as cidades galegas”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo pide ao goberno local rebaixas nalgunhas taxas pola prestación de servizos do cemiterio municipal,  recollidas na ordenanza fiscal número 106.

En concreto, os populares reclaman, “como mínimo”, a redución dos importes de inhumación en panteón e en nicho, posto que son “as máis caras con diferenza de todas as cidades galegas”. Nesa liña, os populares ven “necesario” que nas ordenanzas fiscais de 2016 “se adapten e adecúen as taxas ás condicións de vida dos lucenses”, xa que a inhumación en panteón ascende no camposanto municipal a 153,57 euros, mentres que a media galega é de 93,93 euros, “moi por riba dalgunhas cidades que ben se podía tomar como referencia, como Ferrol (59,52 euros) ou Pontevedra (71,70 euros); e mesmo nalgunha, como Santiago, é de balde”.

Pola súa banda, cada inhumación en nicho supón aos lucenses 64,43 euros, cifra que tamén se sitúa “considerablemente” por riba da media galega, 41,19 euros. “O certo é que enterrar nun nicho en Lugo custa moito máis que en Ferrol (18,46 euros) ou en Pontevedra (35,85 euros)”, indica a popular.

Ante esta situación, López solicita que se introduzan modificacións no artigo 7 desta ordenanza, que inclúe as bases de gravame, tarifas e cotas, e máis concretamente no seu apartado 2.E) sobre licenzas de apertura e inhumación.

Así mesmo, os populares tamén critican que a concesión de nichos sexa “moito máis cara en Lugo” que nas outras urbes, posto que un nicho no camposanto lucense custa 38,9 euros ao ano (a concesión é de 973.35 euros por 25 anos), fronte aos 29 anuais de Ourense (1.458,85 euros polo dobre do tempo, 50 anos) ou os 8,25 euros anuais de Santiago (817,30 euros por 99 anos).

Nese senso, a popular pregúntase “cal é a diferenza que ten o cemiterio de Lugo como para ter unhas taxas tan elevadas con respecto á doutras cidades galegas”, de xeito que “o Concello de Lugo camiñe cara á equiparación dos importes municipais aos do resto de urbes da comunidade autónoma”.

Por último, critica que “só tres anos despois de que o goberno local presumise de estrear unha web específica do cemiterio www.cementerio.lugo.es agora xa nin sequera funciona” e non ofrece os horarios de apertura do camposanto, localización, datos de interese, fotografías ou actos. “De nada serven iniciativas efémeras que non serven para pór en valor estas instalacións”, conclúe a popular.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies