Tráfico

O PP pide recuperar o Rebicíclate e que se oriente tamén a turistas

By 27 Agosto, 2015Xaneiro 27th, 2016Sin comentarios

O concelleiro popular Antonio Ameijide reclama ao goberno local que o sistema de préstamo municipal de bicicletas volva estar operativo despois de catro anos “de abandono” e solicita que se habilite “un sistema cómodo para usos puntuais dos visitantes”

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide pide ao goberno local que recupere o sistema de préstamo municipal de bicicletas, “en estado de total abandono dende que deixou de estar operativo hai case catro anos, en decembro de 2011” e que, paralelamente, se oriente tamén a turistas.

Antonio Ameijide explica que “non abonda só con retomar este programa cuxa instalación custou 117.600 euros”, senón que tamén propón, co obxectivo de fomentar este medio de desprazamento como alternativa, “implantar a gratuídade total para os veciños censados en Lugo, se ben con algunha garantía de fianza empregado unha tarxeta de crédito”, así como ampliar o número de bases dispoñibles, multiplicando as cinco actuais. “O propio Plan de Mobilidade encargado polos socialistas a unha axencia catalá prevía incrementar ata 22 os puntos de entrega e recollida destes vehículos”, lembra Ameijide, quen pide “especial atención a zonas especialmente orientadas ao lecer, como os paseos do Miño e do Rato”.

Por outra banda, tamén no marco da recuperación do programa, os populares suxiren a adquisición de bicicletas eléctricas, “pensando nas persoas que teñen maiores dificultades de mobilidade”, así como que o goberno municipal estude a posibilidade de instalar un sistema de videovixiancia que garanta “a seguridade e permanencia” do Rebicíclate.

Reorientación a turistas.-

Paralelamente, o edil popular suxire ampliar o Rebicíclate para os turistas, de xeito que se implante un sistema “cómodo e inmediato” que permita aos visitantes “usos puntuais”. “Falamos dunha alternativa que existe en moitas outras cidades”, reflexiona Ameijide, quen indica que “fronte á gratuídade para os lucenses, aos turistas si se lles podería cobrar unha taxa simbólica para contribuír ao mantemento do programa”. Así mesmo, apunta que “para que fose unha posibilidade atractiva habería que instalar bases tanto nos puntos de recepción do turistas como nas inmediacións daqueles puntos con maior atractivo para eles, ao tempo que se reforza a comunicación con establecementos hosteleiros para que informen desta opción”.

Máis medidas de estímulo da bicicleta.-

Por outra banda, Antonio Ameijide tamén solicita outras medidas complementarias de estímulo da bicicleta, como a ampliación dos espazos de estacionamento específicos “seguros e protexidos”, a creación dun rexistro municipal de bicicletas “que dea maior seguridade aos usuarios” e a incorporación de novos treitos para a circulación de ciclos, “para aproximarse ao estándar de 47,4 km que recomenda o Plan de Mobilidade fronte aos 4,6 km actuais”.

Por último, o popular anuncia que trasladará estas propostas ao pleno municipal que se celebrará o vindeiro 24 de setembro e explica que, paralelamente, rexistrará unha batería de preguntas encamiñadas a coñecer, entre outros aspectos, cantas bicicletas das 100 que figuran no prego quedan dispoñibles neste momento, cal sería o custe de recuperar o programa e se o Concello estivo a pagar os 11.500 euros anuais de mantemento do Rebicíclate os catro anos que leva sen estar operativo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies