O Partido Popular solicitou hoxe a PSOE e BNG que se convoque “de forma urxente a Mesa técnica das ordenanzas fiscais” para ter acceso ao borrador deste documento co ánimo de “ter tempo para analizalas e facer propostas que beneficien a milleiros de lucenses”
O Partido Popular á vista de que o goberno local, a estas alturas, nin presentou o borrador de ordenanzas fiscais nin o de presupostos para o vindeiro exercicio ven de solicitar a xuntanza urxente da Mesa Técnica de ordenanzas.
O voceiro popular solicita talante a PSOE e BNG para abordar unha das cuestións máis importantes da economía do concello e explica que “o que non se pode consentir é que sexa a veciñanza a que pague, unha vez máis, cunha suba de impostos o desfase que hai entre o que ingresa o concello e o que gasta”.
Carballo lembrou como “o ano pasado o goberno local negouse a convocar esta mesa de traballo desprezando a colaboración do grupo maioritario da corporación” subliñando que “é inexplicable a actitude de soberbia do PSOE e do BNG cando xa levaron dous varapaus xudiciais a conta das ordenanzas fiscais”.
Novo sablazo vados
O voceiro dos populares explicou que se a política fiscal municipal debe buscar fórmulas para axudar ás familias, autónomos e ao tecido empresarial “o bigoberno de Lugo está facendo todo o contrario”. Un exemplo moi gráfico é o que ocorre cos vados xa que este ano “danlle un novo sablazo a talleres, pequenos negocios … ao eliminar as pasaxes comerciais”.
Carballo pregunta onde está a compensación que a alcaldesa prometeu aos afectados polo cambio da ordenanza fiscal da ocupación de vía pública xa que “por segundo ano consecutivo, lles están dando un sablazo”. Nós cremos que é de xustiza que se lles devolvese o cobrado de máis xa que hai casos, como o dún establecemento da Avenida da Coruña, nos que se duplica a factura pasando dos 220,32 aos 465.65 €.
Os populares volverán a pedir a modificación desta ordenanza pola cal PSOE e BNG cobran o mesmo por un vado na rúa da Raíña que en Albeiros, Acea de Olga, Gándaras ou a Praza Maior “non se entende porque aplican outro criterio diferente cando se trata de colocar unha terraza”. Carballo tamén avanzou que solicitarán o cambio do procedemento de cálculo nos recibos da auga para evitar sobrecustes.
Conta Xeral fóra de prazo
Por outra parte, dende as filas populares recrimínanlle ao goberno local que “nin no último ano do mandato a alcaldesa sexa capaz de presentar en tempo e forma a conta xeral”. Os populares lembran que “este documento contable debería estar aprobado en pleno antes do día un de outubro e remitido antes do 15 de outubro ao Tribunal de Contas”. A conta xeral ainda se vai presentar dentro dunha semana nunha comisión especial de contas.
O voceiro popular explicou que “hai que ter en conta que a conta xeral se somete a un período público de alegacións de 15 días hábiles, aos que se suman outros 8 por se hai reclamacións. A continuación se emite novo informe e se somete a pleno, este último trámite debería estar realizado tal e como recolle o artigo 212 da Lei de Facendas Locais antes do 1 de outubro de cada ano”.