O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que nas últimas semanas o municipio sufriu numerosos cambios no que se refire á circulación, modificacións importantes como a perda dun carril de circulación na Ronda da Muralla ou o troco de dirección de diferentes rúas na Milagrosa, no Barrio Feijoo, peonalizacións como a de Recatelo ou cortes de rúas por mor da colocación de terrazas como Rafael de Vega.
Por este motivo, Antonio Ameijide sinala que nos meses de verán, nos que a densidade do tráfico redúcese notablemente na cidade, é un bo momento para que o goberno local convoque unha xuntanza periódica do gabinete de tráfico, cita na que tamén podería convidar aos grupos municipais da oposición para poder avaliar entre todos os cambios sufridos na cidade e como afectarán á vida dos lucenses, toda vez que en setembro se recupere a actividade diaria normal da cidade. “Pedimos algo moi sinxelo que pensamos redundará no beneficio dos lucenses: traballar en conxunto para buscar alternativas ao tráfico, ao estacionamento e ao transporte urbano”, explica.
O concelleiro popular pide a Lara Méndez e a Rubén Arroxo que consideren esta proposta, xa que entre todas as partes podamos confeccionar unha visión conxunta de cidade. “Falamos de poñer sobre a mesa diferentes puntos de vista de en que situación quedará a cidade, para chegar ao mellor consenso para facilitar a vida dos lucenses. Estamos dispostos a arrimar o ombreiro e aportar ideas polo ben de Lugo”, explicou.
Antonio Ameijide pide altura de miras á alcaldesa e ao vicealcalde para deixar atrás “a improvisación e as decisións unilaterais” que nalgún caso se converteron en “actuacións perigosas”. “Non dubidamos da eficacia destas medidas, pero as cousas hai que facelas con estudios previos, proxectos de obra e unha sinalización correcta”, apuntou.
Neste senso, o popular explica que nesta comisión pódese valorar de maneira conxunta a peonalización dun carril da Ronda da Muralla, a peonalización da Mosquera (unha actuación aprobada en pleno), a peonalización de Quiroga Ballesteros, os cambios efectuados na Milagrosa, no Barrio Feijoo, en Recatelo ou en que situación queda o transporte urbano despois de todos estes trocos que xa se efectuaron ou se van a efectuar nos vindeiros meses
O popular concluía “estamos nun momento no que estas obras e actuacións transformarán, de xeito definido o día a día da cidade, e cómpre analizadas para estudar, entre todos, o impacto destas medidas no entorno así como as alternativa ao tráfico e estacionamento”.