Tráfico

O PP pide un informe xurídico sobre os riscos de que o Concello teña que asumir a traballadores da ORA

By 10 Maio, 2017Sin comentarios

Antonio Ameijide reclama a elaboración dun estudo técnico sobre as “posibilidades que existen” de que o Concello se vexa afectado economicamente polo xuízo entre empregados e Doal, así como de que haxa que incorporar á plantilla municipal algún destes traballadores

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anuncia que vén de pedir ao goberno local a elaboración dun informe xurídico sobre os riscos de que a administración municipal teña que rematar asumindo a empregados da ORA.

Tal como detalla Ameijide, do que se trata é de saber se “as denuncias cruzadas entre traballadores e empresa, que se atopan actualmente en fase de xuízo, poden repercutir sobre o Concello” debido á maneira “improvisada, irresponsable e que raia a inconsciencia política” coa que se xestou a suspensión do servizo. “E se xa estamos a pagar cada día as consecuencias desta desfeita, cunha mobilidade cada vez máis complicado, o último sería ter que incorporar tamén por sentenza xudicial a este persoal”, afirma o vicevoceiro popular.

A este respecto, Ameijide incide na necesidade de que “un técnico experto na materia” poida avaliar esta circunstancia e, sobre todo, “previr e anticiparse ás implicacións, tanto económicas como en materia de persoal, que se poidan derivar da decisión caprichosa da alcaldesa en xullo de 2015”.

Cobro por ocupación vía pública por parquímetros e liquidación.-

Paralelamente, o vicevoceiro popular insta á socialista a cobrar á concesionaria pola instalación dos parquímetros en concepto de ocupación de vía pública “como faría con calquera outra empresa nestas mesmas circunstancias”. Ameijide detalla que “aínda que somos conscientes de que este cobro tería un impacto económico moi reducido para as arcas municipais (en torno a 4.000 euros anuais que resultan de multiplicar os 59 aparellos polos 68,52 euros que se lle poderían cobrar de acordo coa ordenanza fiscal número 152 das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública), si tería unha carga simbólica importante”. “Do contrario, a impresión que nos queda é que Méndez segue a consentirlle a Doal comportarse como queira sen velar polos intereses dos lugueses, exactamente igual que fixeron Orozco e  Liñares”, valora.

Os populares reclámanlle, así mesmo, ao goberno local que “case dous anos despois de que se suspendera o servizo é hora de que a alcaldesa informe de se se ten realizado a liquidación completa do contrato”, como tantas veces reivindicou este grupo político. “O último que sabemos é que Doal abonou en marzo de 2017 a liquidación de xullo de 2015, pero seguen sen pechar o contrato e a liquidación dos bens vinculados a este malia ao compromiso de facelo que transmitira nunha reunión en xaneiro de 2016”, lembra.

 Por último, o vicevoceiro popular censura “a falta de vontade política dos socialistas por avanzar na municipalización do servizo”, promovido polo PP e aprobado pola unanimidade de todos os grupos políticos da corporación. “Sabemos que non lles gusta este acordo pero non é de recibo que dende o 4 de xaneiro de 2016 non se dera nin un só paso ou que a nova RPT non reflicta este compromiso”, conclúe, ao tempo que urxe aos socialistas a “tomar unha decisión con carácter inmediato”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies