O voceiro popular Jaime Castiñeira solicita á alcaldesa que desglose as 42 facturas que quedaron pendentes hoxe en tres lotes, distinguindo aqueles servizos en cuxa licitación se avanzou daqueles outros nos que non se deu ningún paso
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira pide á alcaldesa a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar o pagamento das 42 facturas que hoxe quedaron pendentes.
Logo de que o pleno desta mañá dera luz verde ao pagamento de todas as facturas de exercicios anteriores sen reparos de legalidade grazas á abstención do Grupo Municipal do Partido Popular, “en coherencia coa nosa práctica habitual con respecto aos recoñecementos extraxudiciais de crédito e de acordo coa postura que defendemos no último pleno”, Jaime Castiñeira reitera que lle resulta “incomprensible” a “falta de vontade política” da alcaldesa por dividir as facturas en, polo menos, catro bloques: as que non tiñan reparos de legalidade por parte do servizo de Intervención; as que, malia a contar con reparos, si rexistraron avances na tramitación de cara á unha nova licitación; as correspondentes a servizos nos que non houbo ningún paso para a súa nova contratación; e as do departamento de Cultura por traballos que se realizaron “sen ningún tipo de procedemento de Contratación nin sequera consignación orzamentaria”.
A este respecto, Castiñeira explica que “se a alcaldesa tivera dado este paso e amosado unha mínima vontade de acordo, o certo é que esta mañá poderían ter sido aprobadas tamén coa abstención do Partido Popular boa parte desas 42 que quedaron enriba da mesa”, como a da Protectora ou a dos servizos en cuxa nova licitación se teñen dado pasos, como a da atención ao público nos museos. “Pero o certo é que a señora Méndez prefire seguir instalada na chantaxe e na demagoxia, en lugar de procurar un acordo asentado nuns mínimos e nun compromiso de regularizar unha situación tan anómala”, valora.
Pola contra, en opinión dos populares, “ningún grupo político cunha mínima sensatez e rigor pode continuar a validar cuestións como a de que, seis anos despois, a empresa da potabilizadora continúe a facturar para o Concello sen ningún tipo de contrato en vigor e tomando como referencia os prezos da vinculación que se adoptou en 2011 para a posta en marcha destas instalacións”, un concepto polo que Gestagua segue a pasar as súas facturas, mes tras mes. “Nin tampouco polo guindastre, un contrato con todas as sospeitas xudiciais enriba, e sobre o que o PP denunciou en reiteradas ocasións a sobredimensión do prezo e un déficit de en torno a medio millón de euros ao ano”, argumenta Castiñeira.
Por último, o voceiro popular, que puntualiza que “como o propio interventor informou, o goberno local podería ter levado a pleno tantos lotes como facturas”, polo que insta a, de cara á próxima vez que as trasladen para a súa aprobación, a realizar esta división (con reparos de legalidade e con avances na nova licitación; con reparos de legalidade sen pasos para unha nova adxudicación; e as de Cultura “sen nin sequera consignación orzamentaria”). “Léveno xa a semana que vén a un pleno extraordinario monográfico”, conclúe Castiñeira, ao tempo que aclara que os populares renunciarán á compensación que lles correspondería pola súa asistencia a este pleno.