A voceira do Grupo Popular Elena Candia, que continua coa súa axenda de traballo cos colexios profesionais, explicou que o Concello debe ser unha administración colaboradora e, nese senso, coincidente coa opinión do Colexio reivindica a atención presencial no departamento de urbanismo, xa que o servizo telefónico non é áxil nin resolve moitas das consultas técnicas formuladas. Ademais, quere que se podan facer consultas sen necesidade de ter un expediente aberto.
Outras demandas que se puxeron riba da mesa neste encontro cos representantes dos arquitectos é a de unificar criterios interpretativos. Coincidimos coa preocupación deste colectivo que demandan que o Concello estableza criterios claros e públicos para interpretar a normativa urbanística, para evitar confusións e incertezas tanto entre os profesionais como entre os cidadáns.
Dende o COAG tamén reclaman ter a disposición un PXOM máis accesible , lexible e completo na procura de facilitar o traballo dos técnicos e tamén reclaman reformar a contratación pública, propoñendo que os concursos públicos non se adxudiquen só en función do prezo máis baixo; outra das reivindicacións destes profesionais é a da actualización do planeamento obsoleto; entre outros documentos, urxen a que se revise o PEPRI.