O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide recorda que hai un acordo plenario, a iniciativa do PP, de xuño de 2018 para completar o cinto verde Lugo, polo que reclama ao bigoberno que cumpra e empreguen os fondos europeos do Muramiñae e os orzamentos do Concello e da Deputación para impulsar a rede de sendas peonís e de bicicletas empregando o Miño como elemento vertebrador
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou ao bigoberno do Concello de Lugo por dar as costas ao río Miño e seguir sen avanzar en ningún tipo de medida que permita acadar a unión dos paseos do Miño e do Rato.
Antonio Ameijide fai esta crítica despois de coñecer que a alcaldesa e concelleiros do equipo de goberno participarán esta fin de semana nunha marcha polo Paseo do Rato, polo que recalca que “é unha mágoa” que non aproveiten esta visita para ver o estado de abandono no que teñen ambos parques, tanto a Deputación como o Concello, e para reflexionar sobre a importancia da proposta de unión integral do Miño e do Rato.
O concelleiro popular lamenta que o bigoberno se empeñe en desaproveitar os cursos fluviais do Miño e o Rato ao seu paso pola cidade para consolidar un gran parque periurbano continuo en Lugo, polo que desde o Concello habería que impulsar o anel verde de Lugo. “Desde que o PSOE goberna en Concello e Deputación non fixeron nin un só metro cadrado para completar e ampliar o cinto verde da cidade o que amosa o seu nulo compromiso co avance da cidade”, explicou.
Desde o Grupo Municipal Popular se reitera que os problemas para completar o anel verde de Lugo seguen a ser os mesmos de sempre:
- o trazado cúrtase á altura de Arias Nadela
- problemas de mantemento dos camiños e mobiliario
- falta de iluminación
- falta de ideas para crear zonas seguras para ciclistas e peóns
Ante esta situación, Antonio Ameijide recorda que en 2018 o seu grupo xa defendeu no pleno unha iniciativa, e conseguiu a súa aprobación, para realizar un plan estratéxico baseados en tres eixos fundamentais tendo ao río Miño como elemento vertebrador de espazos seguros de ocio, deporte e esparcemento.
Para isto é preciso ampliar a zona verde coa adquisición dos terreos necesarios para completar e unir o paseo do Miño e o Rato. Para iso, “queremos coñecer” as xestións que realizou a alcaldesa de Lugo para completar estes paseos. “O proxecto que presenta o Partido Popular é ambicioso. Falamos da adquisición de aproximadamente 39.829m2 que, na actualidade, presentan un estado selvático para unir os paseos do Rato e do Miño, en lugar do mini proxecto que figura na memoria de Evislusa, que consiste unicamente en acondicionar un sendeiro peonil mantendo o estado selvático dos terreos”, sinalou.
A este respecto, o concelleiro popular recorda que existen dous acordos plenarios, a iniciativa do PP, nos que se instaba ao goberno socialista a iniciar as xestións oportunas cos propietarios das parcelas situadas entre o Paseo do Miño e do Rato para adquirir todos os terreos e completar o parque periurbano. Tamén se instaba á Deputación á conservación axeitada do sendeiro desde a desembocadura do Rato ata a Fervenza ao longo do río Miño.
Un proxecto que se debería complementar cun plan estratéxico de mantemento e creación de sendeiros biosaudables con paneis informativos, para o que é necesario redobrar os esforzos para manter os camiños interiores e o mobiliario do parque periurbano en perfecto estado.
Antonio Ameijide reclama que se homoxeneice a cartelería así como as futuras adquisicións de mobiliario urbano que se instale en todo o cinto verde de Lugo independentemente que sexan responsabilidade da Deputación como do Concello.
Os populares propoñen sacar máis partido ao cinto verde de Lugo coa instalación de elementos para a práctica de diferentes modalidades deportivas, sendeirismo, e parques infantís e de exercicio para maiores e mozos ao aire libre.