InfraestruturasTransparencia

O PP pregunta a Lara Méndez e Daniel Piñeiro que teñen que esconder na Fábrica da Luz para non entregar ao xulgado todo o expediente administrativo

By 5 Novembro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que o pasado 15 de outubro os xulgados lucenses remitiron un requerimento ao Concello de Lugo non que solicitaban que se entregasen “no prazo improrrogable de 10 días” os 68 documentos que faltaban para completar o expediente administrativo da Fábrica da Luz

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pregunta a Lara Méndez e Daniel Piñeiro que teñen que ocultar no referente á Fábrica da Luz para que os xulgados lucenses tiveran que remitir un requerimento ao Concello para que se entregasen os 68 documentos que faltaban para completar o expediente administrativo solicitado ao Concello a través dos xulgados.

Antonio Ameijide explica que os xulgados lucenses remitiron ao Concello, o 15 de outubro, un listado cos 68 documentos que Lara Méndez e Daniel Piñeiro semella que non incorporaron ao expediente que con anterioridade solicitara o xulgado no proceso no que a empresa concesionaria da obra solicitou a rescisión do contrato ante os continuos atrasos e atrancos xurdidos na rehabilitación da Fábrica da Luz.

O voceiro popular destaca que entre os 68 documentos que non se incorporaron ao expediente administrativo, entre eles, algúns de gran relevancia neste caso, como a solicitude de autorización da ataguía 4, a solicitude para comezar os traballos na Fábrica da Luz ou a solicitude de prórroga ante a Confederación Hidrográfica.

Ademais, Antonio Ameijide sinala que o xulgado xa remitiu un escrito ao Concello de Lugo solicitando a acreditación “do emprazamento” da entidade aseguradora cos oportunos xustificantes para facer fronte a posibles indemnizacións ou gastos xudiciais, é dicir, “pode ser o primeiro paso” para que o Concello de Lugo afronte unha indemnización millonaria á empresa concesionaria da obra.

Ante esta situación, o popular denuncia o “escurantismo” socialista que, unha vez máis, sae á luz. Para Ameijide o xeito de traballar do goberno de Lara Méndez brilla por unha “ausencia total” de transparencia e sinala que todo este proceso xudicial se engade a unha longa lista de “actuacións reprochables” como a demora de Daniel Piñeiro para dilatar nun mes e medio a sinatura dun documento para a solicitude de prórroga, documento que tivo máis dun mes e medio sobre a súa mesa para asinar sen facer nada.

Actuacións que poden desembocar en que a Fábrica da Luz se converta no Garañón 2 de Lugo, xa que o Concello de Lugo podería ter que pagar unha indemnización millonaria á concesionaria. Nos últimos anos “nada se puido facer” nestas instalacións para poñelas en valor, polo que se corre o risco de que se perdan os dereitos de explotación “que tiñamos os lucenses” e ter que pagar unha indemnización millonaria á empresa concesionaria da súa explotación.

Todo por mor dunha actuación “cando menos sospeitosa” do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, unha conduta que se atopa baixo sospeita porque posiblemente a súa actuación “non foi todo o imparcial que tería que ser”. O problema, segundo o voceiro popular, é que en política “é imposible soprar e sorber”, polo que Daniel Piñeiro non pode estar do lado da administración que quería impulsar o proxecto da Fábrica da Luz e tamén do lado da asociación que quere torpedealo, polo que resulta “incomprensible” que non se “abstivese” de ser o responsable deste proxecto, como tampouco se entende que a alcaldesa non o apartase.

Os socialistas converteron a Fábrica da Luz “no conto de nunca rematar” ao tenor das tres frontes xudiciais abertas con esta instalación. A primeira é unha sentenza da Audiencia Nacional sobre un recurso do Concello de Lugo sobre a resolución na que a CHMS sancionou con 200.000€ a este Concello pola obra. A segunda é un recurso ao expediente de caducidade da concesión que se atopa recorrido ante o TSXG. E, por último, un recurso contencioso administrativo que a empresa concesionaria presentou contra o Concello de Lugo esixindo a resolución do contrato e unha indemnización.


Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies