Ramón Carballo non entende esta decisión de Lara Méndez xa que Lugo conta con menos de 120 axentes de Policía Local cando na RPT municipal figura que o corpo debería estar formado por 141 efectivos
Nos últimos días unha das forzas sindicais con representación na xunta de persoal do Concello de Lugo denunciou o que consideran “ineptitude e ineficacia” do goberno de Lara Méndez para convocar novas prazas de axente de Policía Local, situación pola que din Lugo non contará con novos axentes ata, polo menos, o ano 2025.
Ante esta situación, e tendo en conta que o Concello de Lugo ten en vigor o convenio asinado coa Agasp (Academia Galega de Seguridade Pública) para que realice as probas selectivas de novos axentes (o que se traduce en que o Concello de Lugo ten a posibilidade de ter novos axentes, totalmente formados, sen ter que gastar un euro) “non se pode entender que o executivo de Lara Méndez non solicitase nin unha soa praza dentro do proceso selectivo que comezou hai dúas semanas coa celebración da primeira proba, a de coñecementos”.
O voceiro popular, Ramón Carballo, amosou a súa sorpresa por esta “decisión difícil de entender” polo que anuncia que se presentarán preguntas para coñecer “en que estado se atopa este convenio e que ten pensado facer este goberno local sobre a convocatoria de novas prazas de axentes de policía” xa que, segundo a información facilitada aos populares, vencerá o 20 de marzo do vindeiro ano.
Para o voceiro popular, dotar a Lugo do número adecuado de axentes de Policía Local é fundamental tendo en conta a situación na que se atopa o municipio, con novos intentos de okupacións ilegais de vivendas cada semana, e coa situación na que se atopa o corpo policial municipal, con menos de 120 axentes en activo cando, segundo a RPT municipal, debería de ter 141 efectivos. “Os axentes que ten o corpo están a esforzarse moito por prestar un servizo de calidade aos lucenses, pero temos que ser conscientes de que son humanos e cun número insuficiente de efectivos non poden chegar a todo, polo que urxe a convocatoria de novas prazas”, indicou.
Un número de efectivos, explica Carballo, se verá reducido antes de que remate o ano e, aínda máis, no próximo. Este ano está prevista a xubilación de tres axentes e para 2023 polo menos outras cinco baixas están previstas. “É preciso que Lugo conte cun número axeitado de efectivos para garantir a seguridade dos lucenses xa que a seguridade propia é unha das maiores preocupacións de cada cidadán”, afirmou.
Carballo pide “máis traballo e menos escusas” a Lara Méndez. Recórdalle á rexedora que o corpo de Policía Local de Lugo ten uns 60 axentes menos dos que dita o cociente recomendado pola Unión Europea (1,8 policías locais por cada 1.000 habitantes).