A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López sinala que trala situación de emerxencia sanitaria do Covid-19 o goberno local deberá reestruturar o funcionamento desta dotación para garantir que se manteñan as distancias de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, pregunta ao goberno local se teñen xa preparado o novo protocolo que rexerá no Fogar do Transeúnte, que trala alerta sanitaria polo Covid-19 deberá remodelar o seu funcionamento, xa que non poderá acoller a tantas persoas como ata o de agora.
Neste senso, Macamen López recorda o albergue temporal que se habilitou no Pavillón Municipal dos Deportes pechará proximamente, segundo a información que chegou aos populares, e que O Fogar do Transeúnte deberá reestruturar o seu funcionamento, xa que as habitacións desta instalación son de 8 e de 6 prazas, algo que deberá ser modificado para garantir que se manteñan as distancias de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias. Por iso, a popular sinala que se presentarán preguntas en comisión para coñecer se o goberno local xa comezou a estudar a reestruturación desta instalación e se “están a pensar en adaptar outras instalacións municipais para dar cabida a toda a xente que precisa da axuda do Fogar do Transeúnte”.
A concelleira popular tende a man ao goberno local e recórdalles que no Grupo Municipal do Partido Popular sempre atoparán un apoio para axudar a toda a sociedade lucense, polo que lles pide que “non dubiden en chamar a nosa porta” se cren que podemos ser de axuda neste e noutros asuntos.