A concelleira do Grupo Municipal do PP Sagrario Sánchez recorda como o 24 de maio de 2019 a mesa de contratación declarou “deserta” a licitación do contrato de instalación, mantemento e explotación dos paneis informativos de Lugo e dende entón nada se fixo por recuperar este útil servizo de información para a cidadanía
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, pregunta ao goberno local se pensa licitar o contrato para que Lugo teña de novo os paneis de información multimedia, despois de que o anterior goberno local os retirara en setembro 2018.
Sagrario Sánchez urxe ao bigoberno de Lugo a contratación dos novos paneis informativos, xa que se trata dun servizo moi útil para a cidadanía e, dende a súa retirada, “tiveron tempo máis que suficiente” para redactar uns novos pregos de contratación, despois de que o 24 de maio de 2019 a mesa de contratación declarase “deserta” a licitación deste contrato. “Hai case tres anos que se retiraron das rúas, case dous anos e medio dende que o anterior concurso quedase deserto… está claro que se non hai nada feito é porque non lles interesa”, afirmou a popular.
A concelleira popular di que o goberno local tivo tempo suficiente para licitar un novo contrato, máis atractivo e con medidas como paneis multimedia para poder dar máis información aos cidadáns, ademais da hora e da temperatura.
Sagrario Sánchez recorda que o último prego que sacou a licitación o goberno local tiña un valor estimado de contrato de 1.965.600€ e unha duración de 10 anos, podendo prorrogarse ata cinco anos máis e contemplaba a instalación de entre 20 e 25 paneis de información.
A cidadanía segue a demandar que as rúas da cidade teñan estes paneis informativos, xa que é un servizo moi útil para a cidadanía, porque ademais da información meteorolóxica e da hora (que eran os únicos datos que ofrecían antes), pode completarse con información sobre os aparcadoiros soterrados, información de interese xeral para a cidadanía ou avisos sobre a alerta sanitaria.
Incluso se poden incluír avisos sobre rúas cortadas ou nas que se estean a producir arranxos na vía, avisos urxentes para os cidadáns ou os horarios dos museos para os turistas.
Recorda a edil popular que en xaneiro de 2019 Rubén Arroxo urxía á alcaldesa a repoñer estes paneis de información e acusaba ao anterior equipo de goberno de “desleixo”. “Vendo como actuaban na oposición e o que non fan no BNG agora dende o goberno, non sabemos moi ben como cualificar a súa falta de traballo, pero como mínimo tamén se pode falar como desleixo polo que deben de ter esa mesma máxima axilidade que esixían ao anterior goberno local”, afirmou.