O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que se realizaron diversas peticións de acceso a información, tanto as actas como a documentación e o informe da presidencia do tribunal os pasados 16 e 17 deste mes, e de momento non se facilitou ningún tipo de información, incumprindo os prazos legais, e hoxe a concelleira responsable tampouco foi capaz de facilitar a información nin dicir cando se entregará ou se teñen pensado entregala
Antonio Ameijide amosou hoxe a súa preocupación ante a falta de transparencia do goberno local en todo o que rodea o proceso selectivo das prazas de inspector para a Policía Local de Lugo, situación que supón que o goberno local segue sen aclarar os motivos polos que se suspendeu, poucas horas antes do exame, a convocatoria da proba para oficiais de policía.
Recorda o vicevoceiro popular que os pasados 16 e 17 de setembro, o Grupo Municipal do PP pediu acceso ás actas do tribunal, a toda a documentación relacionada co proceso selectivo e ao informe da presidencia do tribunal, documentación á que a día de hoxe tanto PSOE como BNG seguen negando o acceso e que, na comisión celebrada hoxe, tivo o seu máximo expoñente en que a concelleira responsable non soubo explicar cando se facilitará toda a información solicitada
Antonio Ameijide tamén puxo o punto na ausencia dunha sospeita oficial para iniciar a paralización do proceso. O concelleiro popular sinala que segundo Paula Alvarellos non houbo ningunha queixa oficial sobre o proceso nin ningún escrito alertando de posibles irregularidades, polo que “o goberno local parece que decidiu paralizar o proceso baseándose unicamente en rumoroloxía sindical”.
O certo é que esta situación está a afectar gravemente ao funcionamento interno da Policía Local, xa que a falta de postos de mando provocan graves inconvintes no día a día deste corpo. Ademais, Alvarellos tampouco puido responder que pasará cos axentes que se atopan agora mesmo formándose na Academia Galega de Seguridade Pública nin cando se incorporarán ao corpo ou os problemas que poden xurdir ao non quedar vacantes froito da promoción interna.
Por último, para Ameijide tamén son graves as confirmacións de Alvarellos na que asegurou que os concelleiros do goberno tiveron conversas cos membros do tribunal antes de iniciar o proceso, como igual de grave foi o silencio que deu como resposta ante a pregunta sobre se houbo conversas entre concelleiros e tribunal unha vez iniciado o proceso.