AccesibilidadServizos xerais

O PP preguntará ao goberno local por todas as incidencias que os lucenses están a denunciar polo “nulo” funcionamento da administración electrónica

By 20 Maio, 2020Maio 21st, 2020Sin comentarios

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular queren coñecer o número de queixas recibidas no Concello de Lugo trala implantación do novo sistema informático que está a xerar un enorme enfado entre os lucenses xa que non pon solución á tramitación electrónica no Concello de Lugo, situación que se agravou durante o estado de alarma ao non poder realizar a maioría de xestións ou estar bloqueados os sistemas

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo preguntará nas comisións ordinarias de pleno por todas as queixas que se están a producir por parte de lucenses, que se amosan moi descontentos co funcionamento da administración, sobre todo co “nulo funcionamento” da administración electrónica.

Neste senso, os populares preguntarán se existe un rexistro de incidencias e queixas do novo sistema informático do concello de Lugo e o número das mesmas, solicitando un desglose por áreas e servizos.

Tamén queren coñecer os populares cando estará completamente operativa a administración electrónica no Concello de Lugo, xa que por segunda vez nos dous últimos meses o goberno local tivo que recorrer a unha solución “tan burda” como citas por videochamada para conceder o certificado do padrón. “É incrible que Lugo, unha cidade que Lara Méndez bautizou como Smart City, teña unha administración electrónica que brilla pola súa ausencia”, sinalan.

Ante esta situación, os populares queren coñecer cantos trámites administrativos se poden resolver integramente online e cales son eses trámites. Cuestión que ten especial importancia xa que agora mesmo a presentación presencial de documentación se realiza con cita previa, sistema que está a xerar queixas entre os cidadáns xa que hai casos de citas que se están a conceder a máis de 10 días vista.

Outra das situacións que deixou ao descuberto a total falta de traballo do goberno local para adaptar o Concello de Lugo á administración electrónica foi o Plan Reanima. Os lucenses que solicitaron acollerse ás axudas contempladas dentro deste plan non puideron realizar o trámite a través da web municipal debido ao seu nulo funcionamento, polo que tiveron que presentar as solicitudes a través dunha web habilitada polo Goberno central, iso sen contar o colapso que supuxo para administración recibir tantas solicitudes a través doutra administración.

Doutra banda, os concelleiros populares tamén formularán preguntas no resto de comisións para coñecer o aprovisionamento de material de protección realizado polo Concello de Lugo, sen contar o material recibido por parte doutras administracións, as campañas de desinfección do municipio realizadas ata o de agora e se o goberno local, tralas noticias aparecidas en distintos medios de comunicación sobre a presenza de material xenético de Covid-19 nas augas residuais, está a realizar algún tipo de análise na  Edar de Lugo para determinar esta presenza e, no caso de non ser así, se teñen previsto algunha análise futura.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies