Mercado e Praza de Abastos

O PP preguntará en comisión polo proceso de adxudicación dos postos do mercado ante as queixas recibidas

By 5 Febreiro, 2021Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Sagrario Sánchez desvela as queixas amosadas por interesados en obter un posto no mercado municipal, xa que aseguran que o resultado final non se axusta aos baremos estipulados previamente, algo que motivou a presentación de recursos ante o Concello para que se revisen todas as puntuacións outorgadas aos interesados

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, desvela as queixas remitidas ao seu grupo por parte de lucenses que participaron no concurso de adxudicación de varios postos no mercado municipal, que non están de acordo co resultado dos mesmos.

Sagrario Sánchez explica que as queixas radican, principalmente, en desacordos cos baremos aplicados e a forma de valoralos, polo que anuncia que se presentarán preguntas en comisión para coñecer os pormenores deste proceso de adxudicación.

A concelleira popular detalla que os afectados amosaron o seu desacordo xa que hai puntuacións que non se corresponden aos baremos que figuran nos pregos de condicións. “Algunha das queixas que nos fixeron chegar falan dun suposto trato de favor para algún dos interesados e faremos as pescudas precisas para coñecer se iso foi así”, sinalou.

Ademais, as queixas remitidas ao Grupo Popular falan dun suposto trato de  favor a algunha das persoas que teñen concedidos postos no mercado municipal. As queixas, principalmente, falan de incumprimentos da ordenanza municipal.

Entre eses incumprimentos figuran casos, que habería que comprobar, nos que supostamente se realizou unha cesión temporal dos postos, un tipo de cesión que segundo a ordenanza se realiza para un prazo máximo de 2 anos e, na actualidade, se superan os 9 anos de explotación.

As queixas tamén falan de supostas alteracións dos postos existentes, xa que din que inicialmente o Concello de Lugo tiña dous postos contiguos e se concederon como tal, pero que, trala concesión se realizaron unhas obras, pasando o Concello a consideralo como un único posto, o que din os reclamantes “deixa nunha situación de desvantaxe a todos os interesados nos postos do mercado”.

Unha circunstancia que, segundo os reclamantes, provoca outro incumprimento da ordenanza municipal do mercado. Din que hai algunha persoa que ten concedidos ata tres postos, algo que a ordenanza impide, tendo un deles pechado a maior parte do tempo e empregalo a modo de  almacén, suposto que a ordenanza impide.

Os reclamantes se apoian nos seguintes artigos. Segundo o artigo 23 da ordenanza de mercados “o máximo de postos dos que poderá ser titular de xeito simultáneo unha mesma persoa concesionaria será de ata dous”. Ademais o artigo 26 establece que os concesionarios deberán “garantir que o posto permaneza aberto durante o horario establecido no artigo 8”.

Sagrario Sánchez insiste en que dende o Grupo Municipal se presentarán preguntas para coñecer todos os pormenores deste proceso de contratación, ademais de pedir acceso á listaxe de postos dispoñibles da praza e do mercado que o Concello de Lugo ten a obriga de elaborar anualmente segundo se recolle na propia ordenanza de mercados no artigo 15.2.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies