Antonio Ameijide explica que os populares e toda a cidadanía merecemos respostas claras sobre este “evento privado” (como o definiu Lara Méndez) para saber quen pagou os regalos oficiais do Concello de Lugo e por que se entregaron nunha cea privada
Máis de 20 días despois de que se celebrase a cea privada na que Lara Méndez entregou regalos institucionais do Concello de Lugo e na que se pediu o voto oficialmente para ela nas vindeiras eleccións municipais, segue sen aclararse o motivo de que se entregasen eses presentes, quen convocou o evento e quen o pagou.
Por estes motivos, o Grupo Municipal do Partido Popular realizará preguntas en comisión para obter as respostas que todos os lucenses queren ter xa que se trata dun asunto moi polémico e que ningún dos participantes tivo a ben aclarar ata o momento.
Antonio Ameijide incide en que se foi “un evento privado” tal e como explicaron a propia Lara Méndez e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, “por que se entregaron agasallos institucionais do Concello de Lugo e, sobre todo, quen correu cos gastos destes presentes xa que “os lucenses non teñen que pagar os regalos que fai a alcaldesa en actos privados”.
Neste senso, Ameijide pregunta directamente a Lara Méndez “se considera apropiado entregar agasallos institucionais pagados por todos os lucenses con fondos públicos nun acto político onde pediron explicitamente o voto para a candidata do PSOE”.
Ademais, no Grupo Municipal Popular queren saber en calidade de que acudiu Lara Méndez a esta cea, que se aclare quen organizou e pagou o evento xa que o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo afirmou que convidaba Lara Méndez e a rexedora o negou nos medios de comunicación.