Tráfico

O PP propón ampliar as prazas de aparcamento en Augas Férreas

By 30 Agosto, 2016Sin comentarios

 Antonio Ameijide pide que se realice un estudo de tráfico que avalíe a posibilidade de implantar estacionamentos en batería ou novos carrís de aparcamento en rúas como Cantigas e Flores, Círculo das Artes, Camilo José Cela ou Rafael Dieste

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, pide ao goberno local que encargue aos técnicos municipais un estudo de tráfico nas rúas das inmediacións da Praza das Augas Férreas co obxectivo de avaliar a posibilidade de ampliar as prazas de estacionamento de vehículos.

Deste xeito, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular considera que “é o momento de estudar os fluxos circulatorios de rúas como Cantigas e Flores, Círculo das Artes, Camilo José Cela ou Rafael Dieste, así como na propia praza”. En opinión de Ameijide, nalgunha destas vías unidireccionais con dous carrís de circulación o da dereita podería ser reconvertido en espazo de aparcamento, “reservando o central para o paso de vehículos, máis aínda tendo en conta que non se trata dunha zona de especial complicación en canto a retencións, o que permitiría ter unha banda de estacionamento a cada lado”. Con esta alternativa, estas rúas equipararíanse á situación doutras da cidade, “que si presentan verdadeiras dificultades, como pode ser o caso da Ronda das Fontiñas”.

Noutros casos, a alternativa pode pasar por eliminar un dos dous carrís de circulación e por reconverter a banda de estacionamento actual nun espazo de aparcamento en batería, multiplicando así as prazas existentes. “Trataríase de ter unha opción similar á que hai no entorno do HULA, á que tantas veces se negou o goberno socialista e que finalmente rematou por implantar despois de telo reivindicado en reiteradas ocasións dende o noso grupo político”, detalla Ameijide, ao tempo que incide en que “a redución da velocidade no entorno desta Praza a 30 quilómetros/hora tamén contribúe a que esta alternativa sexa viable”.

Non en van, o popular destaca que “os problemas de aparcamento é un dos que aluden con maior frecuencia os veciños e especialmente os comerciantes da zona”, xa que se trata dun entorno “en auxe, no que se concentran tanto actividades económicas como académicas (incluíndo a sede da UNED) e espazos de ocio e lecer, no eido da restauración e tamén o propio parque infantil do centro da praza”. “A mellor proba da necesidade de actuar neste sentido atopámola coa frecuencia coa que os automóbiles están estacionados en zonas peonís onde non deberan estar”, exemplifica Ameijide.

Cobertura parque infantil da Praza de Augas Férreas.-

Por outra banda, o vicevoceiro popular reitera a proposta de que o Concello de Lugo cubra o parque infantil da Praza de Augas Férreas, co obxectivo de que poida ser empregado durante todo o ano, “con independencia das condicións meteorolóxicas”. “É evidente que hai un déficit de espazos deste tipo nunha cidade na que o tempo non é especialmente agradable durante boa parte do ano”, subliña Ameijide, ao tempo que sinala que “non é a primeira vez que poñemos sobre a mesa esta demanda, que nos teñen trasladado tamén moitos pais, e seguiremos insistindo ata que os socialistas a executen”. “Foi un compromiso que se incluíu a iniciativa do PP no Plan de Investimentos que PP e PSOE aprobaron en xuño de 2014 e que sistematicamente reiteramos de cara aos sucesivos orzamentos municipais”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies