O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explicou que os cambios que suxiren “teñen por obxecto mellorar a seguridade dos peóns e facilitar a saída e entrada de vehículos dos residentes con rutas máis directas suprimindo rodeos innecesarios e perigosos para os peóns”
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide proporá, en Comisión, que se estuden os itinerarios de circulación da Rúa Nova en Clérigos e na rúa Aguirre. Os novos percorridos que propoñen os populares mellorarían a seguridade do tránsito peonil, é máis, protexerán aos viandantes que pasan por estas zonas.
En primeiro lugar, os populares suxiren que “se estude unha nova alternativa de paso para o cento de vehículos que hai nos garaxes da rúa das Estantigas e Amor Meilán”. Ameijide indicou que, na actualidade, os residentes destas rúas e máis da Rúa Nova teñen que atravesar esta vía en dirección á rúa Montevideo “cando poderían subir pola rúa Amor Meilán para incorporarse, por este novo itinerario, á vía de Bolaño Rivadeneria”. Ameijide indicou que este percorrido “é máis coherente e de sentido común xa que se utilizaría unha ruta con menos tránsito de peóns” reclamando “que se estude esta posible alternativa e, que se consensúe con veciños e empresarios da zona” xa que “este cambio suporía, tamén, unha revisión do mobiliario urbano”.
O popular reflexiona sobre otro caso semellante que afecta aos veciños de Clérigos xa que, tal e como está a circulación neste punto, se lles obriga a atravesar a Praza Maior e sair pola porta da muralla de Campo Castelo “malia que podería utilizar, unha ruta máis curta e máis segura, de saída pola porta de Bispo Aguirre subindo polo tramo peoníl da ronda”. Antonio Ameijide tamén aludiu a “outro despropósito similar” como é o de obrigar aos veciños dos primeiros números de Bispo Aguirre, incluso os dos edificios de fóra de muralla, a meterse dentro do recinto amurallado e percorrer toda a Praza Maior e Campo Castelo para incorporarse de novo ao tramo peonil da Ronda da Muralla”.
Dende o Partido Popular afirman que, tal e como están establecidos os itinerarios nestes tres puntos, se está obrigando aos residentes destas zonas a dar rodeos que carecen de toda lóxica “complicando a convivencia entre vehículos e peóns cando teñen opcións moito máis directas e seguras como as que solicitamos neste rogo”.
O vicevoceiro dos populares lembrou que os itinerarios de circulación no casco histórico “apenas mudaron dende o bando que ao respecto publicou o Concello na etapa de García Díez, o 4 de febreiro de 1999”, dado que “só se cambiou con ocasión da peonalización do treito da Ronda á altura do edificio administrativo do Concello e no tramo de Bispo Aguirre que transcorre dentro da muralla”.
O Popular insistiu en implementar o control de accesos para evitar situacións de risco aos peóns “unha regulación propia para o centro contribuiría a pór en valor a peonalización”.