O PP quere que o Concello se faga coa titularidade do último treito da Nacional VI ao seu paso por Lugo ao “tratarse dun tramo de quilómetro e medio, que vai dende o punto quilométrico 498,400 (á altura do acceso da Avenida de Madrid) ata o punto quilométrico 500 (Ponte Branca), co ánimo de mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e facer cidade”
A humanización da porta de entrada a Lugo pola Nacional VI é unha actuación prioritaria para o Partido Popular e por este motivo pedirá ao pleno que faga as xestións necesarias co Goberno de España para que ceda o último tramo desta vía ao seu paso por Lugo. Trátase do tramo comprendido entre o punto quilométrico 498,400, á altura do acceso á Avenida de Madrid, ata o punto quilométrico 500, da Ponte Branca.
Os populares explican que “unha vez conseguida a súa titularidade se debería planificar unha actuación integral con cargo aos fondos europeos de recuperación”. O voceiro popular Ramón Carballo explicou que o obxectivo desta iniciativa “é converter o quilómetro e medio da Nacional VI, nunha vía urbana co ánimo de mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e facer cidade”.
O voceiro popular avanzou que “será necesario identificar os puntos onde é necesario intervir para presentar unha proposta de actuación que daría continuidade ás intervencións que, dentro da estratexia Dusi, está a levar a cabo o Concello de Lugo na zona do Anxo Carro e o Barrio de A Ponte. O popular explicou que “este é o momento de abordar este proxecto porque tamén está previsto que, por fin, o Ministerio faga a rotonda da Nacional VI á altura de Alfonso X”. “Debemos ser ambiciosos e ter unha perspectiva global para evitar a política de parches á que nos ten tan acostumado este goberno que só traballa a golpe de eleccións”.
Para Carballo “o feito de conseguir a titularidade da totalidade do tramo da N-VI que transcorre pola cidade permitiría avanzar na conexión da trama urbana da cidade coa zona fluvial, sempre tendo en conta a prioridade de preservar o entorno para o disfrute dos cidadáns”. “Estamos falando dun treito que cada vez absorbe máis vehículos, neste momento estamos a falar dunha vía máis da cidade na que o 80% do tráfico é interior, é dicir de vehículos cuxo traxecto comeza e finaliza na cidade.
O punto de acordo que se someterá a votación é o seguinte:
- Que o Concello de Lugo solicite ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a cesión do tramo da N VI
- Que unha vez conseguida dita cesión se elabore unha actuación integral sobre a vía para humanizala e convertela nunha travesía que se integre no rueiro da cidade e favorecendo o acollemento que perciben os veciños e os visitantes da nosa cidade