Os populares explican que, estes días, recibiron numerosas queixas de lucenses polo cobro de chamadas ao 010 xa que “os tempos de espera ao teléfono se prolongaban moito máis do habitual, con chamadas de entre 30-40 minutos”
O Partido Popular asegura que a avalancha de chamadas ao 010, como consecuencia da situación que estamos vivindo froito da crise do covid19, pon a proba un servizo municipal moi importante para os veciños. A edil do PP Sagrario Sánchez Ramil explicou que “a gran actividade destes días provocou moitas queixas por parte de veciños e veciñas que descoñecían que a consulta a tiñan que pagar, xa que o servizo non é gratuíto”. A popular indicou que “chegáronos ao grupo denuncias de persoas que estiveron entre 30-40 minutos ao teléfono para resolver cuestión relativas ao Reanima ou doutros asuntos relativos a información do concello e que, pese a que non conseguiron resposta, tiveron que pagar a chamada con prezos que chegaban aos case oito euros”.
Para a concelleira popular, esta situación provoca ,que se replantee a gratuidade do 010 “pensamos que o goberno local debería estudar asumir o custe deste servizo para que non lle repercuta aos cidadáns, é algo que xa están facendo noutras cidades españolas”. Sagrario Sánchez Ramil subliñou que o feito de que se cobren as chamadas a veciños e veciñas xa é inaceptable en condicións normais, pero que se faga na actual situación de emerxencia é indefendible”.