O voceiro popular, Jaime Castiñeira, asegura que “a peonalización da Mosqueira, igual que doutros posibles treitos da Ronda da Muralla e doutras rúas da cidade, debería tratarse nunha mesa que contemplase unha planificación a futuro”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, propuxo esta mañá en rolda de prensa que a posible peonalización da Mosquera se aborde e se debata “vinculándoa a un novo modelo de cidade”.
Deste xeito, Castiñeira cualificou a proposición do BNG na que insta ao goberno socialista a esta actuación de “positiva” e de “boa” na medida en que supón abrir o debate a este respecto, polo que asegurou “vai contar co noso apoio se se fai no marco dunha planificación global”. Porén, o voceiro popular anunciou a presentación dunha emenda para que esta intervención se estude nunha mesa de traballo ou comisión específica na que se deseñe e planifique “un modelo de cidade de futuro”. “Peonalizar non é só poñer un sinal de tráfico, senón que cómpre un estudo global no que se aluda tamén ao tráfico, transporte público, ao estacionamento, ao uso doutros medios alternativos como a bicicleta…”, reflexionou Jaime Castiñeira, ao tempo que lembrou que no pleno de febreiro se aprobara a iniciativa do Grupo Municipal do Partido Popular a creación dunha comisión para o redeseño do sistema de autobuses urbanos, “da que nunca máis se soubo”.
Ademais, o voceiro popular tamén dixo que “dende o Partido Popular apostamos pola peonalización” e, nesa liña, lembrou que foi o último goberno do Partido Popular na cidade, con Joaquín García Díez, cando se elaborou “un estudo completo” para a peonalización, “planificada, iniciada e xestionada en gran parte”, de todo o casco histórico e tamén dalgunha vía exterior, como é o treito da Ronda da Muralla comprendido entre a rúa Vilalba e, precisamente, A Mosqueira. Nese proxecto tamén se incluían outras vías a peonalizar, como unha das de Rodríguez Mourelo ata o Parque Rosalía de Castro, puntualizou o popular.
Por último, Castiñeira incidiu en que “Lugo debe camiñar cara a un modelo máis humanizado e peonil, como ao que están indo outras cidades modernas e como o que proxectaba o Partido Popular no programa electoral co que se presentou hai practicamente un ano”.