O Partido Popular propón a reapertura dos tres kioskos con aseo público da Praza Maior, Santo Domingo e Praza da Milagrosa.
Os populares apostan por reactivar estas instalacións que lembran “levan catro anos sen funcionar, baleiras e cos baños pechados” resumiu, lamentando “o desinterese do goberno local á hora de recuperar estes elementos”. “Consideramos que tiveron tempo suficiente para pensar en como recuperar os kioskos que hai en L
ugo sobre todo tendo en conta as numerosas peticións que chegan de veciños, moitas delas a través da comisión de suxestións”.
Teijeiro explicou que hai dez meses os socialistas se comprometían a impulsar a recuperación dos kioskos pero “dende aquela non se deu nin o primeiro paso para sacar a concurso a súa xestión. O expediente nin tan sequera chegou ao servizo de Medio Ambiente que é o departamento encargado da confección da documentación para adxudicar este servizo”.
Tras comprobar que se retirou o kiosko que había na Praza da Milagrosa, por mor das obras de remodelación deste espazo, a concelleira popular quere saber “se o goberno socialista mantén a súa postura ou se, pola contra, xa cambiou de opinión”.
Nese senso o PP presenta unha proposición para clarificar o futuro destas instalacións xa que “pensamos que se se manteñen os kioskos no espazo publico, hai que dárlles un uso para dar servizo á cidadanía e evitar que se deterioren co paso do tempo”. “Hai que evitar a toda costa que o seu abandono provoque unha mala imaxe aos veciños e os que nos visitan” en alusión a que son instalacións que están en puntos neurálxicos da cidade.
A proposta que se eleva a pleno ademáis de contempla: levar a cabo as accións oportunas que permitan sacar a concurso público a súa xestión así como solicitar que se estude a posibilidade de diversificar a oferta de productos que se poderían vender nestes 3 kioskos.