O concelleiro popular Rafael Pérez Prados suxire varias accións para dar un pulo a este evento que se celebra todos os días 15, e o penúltimo día de cada mes na carballeira que é propiedade municipal deste núcleo situado a dez minutos da capital lucense
O Grupo Popular quere que as feiras de Nadela, que se celebran o 15 e o penúltimo día de cada mes, sexan unha referencia para os lucenses. O concelleiro popular Rafael Pérez enumera unha serie de accións para que o bigoberno estude “co ánimo de conseguir unha maior animación e revitalizar estas feiras”.
O primeiro sería deseñar unha campaña de difusión e promoción deste evento “Se ben somos conscientes que nesta Carballeira xa está consolidada a carpa coas polbeiras falta a presenza dos tradicionais postos de venda de productos de proximidade”. Nese senso, o PP propón que “nos locais que hai na zona lateral se habilite a infraestructura necesaria para montar un mercado no que os produtores poidan ofrecer alimentos de temporada, artesanía, etc. Para atraer vendedores a este mercado se lles podería, a cambio, ofrecer incentivos como, por exemplo bonos para que coman de balde o polbo o día que acudan á feira cos seus produtos.
Rafael Pérez manifestou como “neste momento, trala pandemia, a veciñanza valora cada vez máis a calidade do produto e o consumo de proximidade. O sector agroalimentario é hoxe por hoxe un pilar estratéxico para a nosa economía”.
Os populares suxiren outra posible liña de acción para revitalizar esta feira de Nadela que consistiría en solicitar a colaboración de diferentes administracións “por exemplo a colaboración da Deputación, para ofrecer exhibicións de artesanía, cestería … ; co instituto de San Xillao para facer mostras de cociña en vivo con produtos locais nas que participasen os seus alumnos ou ben coa Escola de Artes Aplicadas, Conservatorio ou Escola de danza para facer demostracións de disciplinas que se adecúen ao espazo que hai baixo cuberto ou incluso na propia Carballeira.
O edil do PP concluía “que a promoción da zona rural pasa por potenciar este tipo de eventos” lembrando que “esta feira como tal é a única que hai no concello de Lugo con estas características” polo que anuncia que presentará esta proposta ao vindeiro pleno.