O concelleiro popular Antonio Ameijide asegura que é chamativo que a alcaldesa desacredite a Miguel Couto “o único edil que demostrou interese por acabar co colapso das licenzas urbanísticas de 20 anos de gobernos socialista” desmantelando a reestructuración do servizo proposta polo concelleiro e impoñendo o seu criterio nas xefaturas
O Partido Popular cre que o conflicto da alcaldesa co COAG destapa a “guerra interna” entre Méndez e o concelleiro de urbanismo Miguel Couto. Antonio Ameijide asegura que “probablemente, a alcaldesa, ao verse ameazada pola xestión que estaba levando a cabo o edil impuxo o seu criterio á hora de nomear o Xefe de Servizo, deixándoo aos pés dos cabalos, desacreditando o seu traballo”.
“Estamos falando dun dos concelleiros máis valorados pola cidadanía e do único que ten certo interese e gañas de traballar para desbloquear o colapso que hai no concello a conta da concesión de licenzas, bloqueadas pola falta de xestión dos socialistas durante anos” resumiu Ameijide.
Os populares avanzaron que “a situación que se plantexa co COAG é esperpéntica e dañina para a imaxe da institución”. Por este motivo o Grupo Popular acaba de presentar un rogo en Comisión, primeiro, para que a alcaldesa de Lugo “se retracte do arrebato que acabou co enfrontamento co Colexio de Arquitectos” asemesmo piden que aclare “quen manda no departamento de urbanismo xa que todo indica que a alcaldesa quere asumir esta competencia” e, en segundo lugar, os populares queren que o concelleiro de urbanismo se pronuncie sobre esta situación “para coñecer a súa versión”.
Para Ameijide a consecuencia desta manobra da alcaldesa o único que vai provocar é “unha desmotivación absoluta ao responsable de urbanismo” xa que “o desautorizou diante de todo o gremio da arquitectura e o sector da construción en xeral”.
Os populares tamén recriminaron a dobre vara de medir da alcaldesa na defensa dos funcionarios “mentres emprende persecucións contra algúns” e pregúntase “se esta desautorización non terá máis que ver coa pugna das correntes Besteiro vs Caballero que co traballo e as decisións do concelleiro.