A edil popular Encarna Amigo afirma que “o goberno local non pode, baixo ningún concepto, prolongar os incomprensibles horarios do verán, no que a maioría dos museos permaneceron pechados os luns, martes, mércores e domingos pola tarde”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Encarna Amigo reclama ao goberno socialista a ampliación dos “exiguos” horarios dos museos municipais.
Tal como explica a popular, “o goberno local non pode prolongar os incomprensibles tempos de apertura deste tipo de instalacións”, posto que “a maioría dos museos municipais permaneceron pechados máis da metade da semana durante todo o verán”. Nesa liña, Encarna Amigo reprocha aos socialistas que “no momento en que Lugo recibe a máis turistas, a Domus do Mitreo, a Porta Miñá e o Museo de San Roque non abriron luns, martes, mércores nin os domingos pola tarde”, o que perxudica “claramente” un maior tempo de estadía dos visitantes na cidade, do que se beneficiarían comercios e establecementos hosteleiros.
Así mesmo, a concelleira popular solicita que se completen os horarios do MIHL e a Casa dos Mosaicos, instalacións que os domingos tampouco abriron durante a mañá e a tarde, respectivamente. “Se queremos aproveitar o fluxo de turistas e visitantes que chegan á nosa cidade, cómpre establecer unha estratexia cultural integral na que o noso patrimonio museístico debe ocupar un lugar central, para o que loxicamente é fundamental que estas dependencias permanezan abertas o maior tempo posible”, subliña Amigo.
Así mesmo, a edil popular responsable de Cultura e Turismo solicita “especial atención” aos momentos nos que ao longo dos vindeiros meses se agarda unha maior chegada de turistas”. Nese senso, pide aos socialistas “horarios especiais e amplos” en períodos como o San Froilán “para evitar que, como ocorreu outros anos, estivesen pechados en plenas festas algúns destes museos”, as fins de semana e as pontes festivas “para os visitantes de proximidade”.
Modificación da ordenanza fiscal para corrixir erros.-
Por outra banda, a edil popular tamén insta ao goberno municipal a modificar as ordenanzas fiscais relacionadas con esta materia. Nese senso, cómpre indicar que a ordenanza municipal número 403, con título Prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións culturais, recolle no epígrafe 4 do artigo 3 as contías que deberán ser aboadas por acceso a diferentes museos (Centro de Interpretación da Muralla, Casa dos Mosaicos, Centro Arqueolóxico de San Roque e Sala de Exposicións Porta Miñá) “cando na realidade o Concello de Lugo non está a cobrar neste momento pola entrada a estes recintos”. “O certo é que na ordenanza que regula esta cuestión só se alude á gratuídade de acceso 16 días do ano (o primeiro sábado de cada mes, o Día das Letras Galegas, o Día Internacional dos Museos e o Día de Galicia), de acordo coas exencións recollidas no artigo 5.3”, lembra a edil popular.
Ante esta situación, a popular solicita que os socialistas “axusten á legalidade” esta realidade, de xeito que “ou ben os museos volven ser de pago, conforme ao establecido na ordenanza en vigor, ou ben se adapta este documento que os regula á realidade actual”. “Trátase dunha decisión política que deben adoptar os socialistas, e actuar en consonancia para corrixir esta situación anómala”, conclúe Encarna Amigo, ao tempo que anuncia que trasladará esta proposta á vindeira Comisión de Cultura, co obxectivo de que as ordenanzas fiscais de 2016 enmenden este erro.