A concelleira popular Ana López Pombo indicou que “hai unha demanda de máis espazos para que os 13.000 cans rexistrados no municipio podan realizar libremente os seus exercicios diarios” suxerindo como ubicación deste novo recinto o bancal intermedio das costas de Rosalía
O Grupo Municipal do Partido Popular reclama unha maior atención aos canís municipais co obxecto de mellorar algunhas deficiencias que presentan. A concelleira do PP Ana López Pombo explicou que un aspecto que é necesario corrixir nos tres recintos que están abertos en Fingoi, Estantigas e Frigsa ten que ver co mal estado pavimento polo que solicita aos socialistas que “estendan unha capa de area e melloren a súa drenaxe para evitar que coa chegada do mal tempo, nestes espazos, os canís se enlamen ou aneguen”.
A popular explicou que o deficiente mantemento limita os usos de estas zonas destinadas para que os cans podan correr e facer os seus exercicios diarios sen correa..
Á popular chámalle a atención que o canil que hai no entorno da muralla sexa o peor conservado “o cartel informativo que hai na entrada, cuberto de pintadas, é ilexible; hai que reparar a fonte que pecha mal asolagando todo o contorno do surtidor; tamén é necesario remodelar dúas zonas que hai no interior do canil que están infrautilizadas e só serven para acumular desperdicios”.
López Pombo explicou que tamén é preciso “repoñer a rede perimetral dos canís que está rota e repoñer o muro vexetal nos tramos que secaron para evitar que os animais podan escapar”. Por último os populares solicitan que se estude a posibilidade de “incorporar un sistema de dobre porta de peche por gravedade para evitar a saída de mascotas”.
Os populares insisten en que se debe mellorar a limpeza dos canís para conseguir unhas óptimas condicións de salubridade e hixiene “é preciso arranxar as zonas onde se acumula auga e intensificar a recollida de heces”. Nese senso indicou que sería positivo levar a cabo “campañas informativas para fomentar o civismo entre os propietarios de mascotas para conciencialos sobre a importancia de manter limpo tanto os canís, como outros espazos públicos”.
Dende o Grupo Popular tamén avanzan que para os vindeiros orzamentos tamén pedirán que se acondicione un novo canil nas costas do parque suxerindo como ubicación “o bancal intermedio onde antigamente estaba ubicado o parque infantil de tráfico”.
López Pombo indicou que no municipio de Lugo hai máis de 13.000 cans rexistrados e que hai unha demanda deste tipo de espazos onde “se poden soltar aos cans para que fagan o seu exercicio diario libremente e para que estén en contacto con outros cans”. A popular reflexionou que “esta nova dotación non suporía un gran desenvolso xa que só se precisaría pechala, colocar a sinalización con normas de uso e un mínimo de mobiliario para os usuarios”.