A concelleira do Partido Popular Mari Teijeiro afirma que “de pouco ou nada servirá que os orzamentos municipais de 2016 dupliquen a partida de emerxencia social se dende os servizos sociais non se pode dispoñer con axilidade dese diñeiro”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro reclamou esta mañá en rolda de prensa ao goberno municipal que adopte medidas encamiñadas a mellorar a xestión e concesión das axudas de emerxencia social.
Nesa liña, a popular destacou que “neste Concello déronse situacións como a entrega de cheques sen fondos para estas necesidades ou a carencia de fondos económicos nos servizos sociais que motivou respostas como que non se podía axudar porque non se dispoñía de diñeiro”. Nesa liña, Mari Teijeiro detallou que cada traballador ten asignada unha contía máxima de 2.000 euros mensuais “que non lle é reposta ata que vai xustificando as libranzas económicas que vai realizando”, un trámite que se demora entre 9 e 20 días, xa que ten que pasar por varios departamentos municipais, como o de Benestar, Tesourería ou Intervención.
A concelleira popular explicou que “de pouco ou nada servirá que nos orzamentos municipais de 2016 se duplique, tal como pedíamos dende o Grupo Municipal do Partido Popular, a partida prevista para axudas de emerxencia social se non se muda a dispoñibilidade dela”.
Nese senso, Teijeiro instou aos socialistas a “adoptar a fórmula que garanta que os traballadores sociais dispoñan de liquidez para dar resposta a estas situacións, posto que é a ferramenta básica coa que contan para cubrir estas necesidades”. Deste xeito, apuntou a posibilidade de que se estableza, a maiores da contía máxima que xa existe, outra fixa “que funcione por así dicilo a modo de remanente ou de garantía”; ou ben unha ampliación “considerable” da mensual actual.
Por último, a edil popular criticou que, neste ámbito, os socialistas se abstiveran nun pleno recente diante dunha proposta do GMPP para a elaboración dun plan integral contra a pobreza infantil, no que se incluía esta redistribución, “para poucos días despois presumir dun convenio para facer fronte a situacións deste tipo”. “É certo que o importante é que non queden sen atender e por suposto que o fondo da cuestión é o crucial, pero coidar máis as formas tampouco estaría mal”, concluíu.