Os populares fanse eco das reclamacións veciñais que levan meses pedindo o arranxo deste camiño sen que o goberno local atendese as súas peticións, algo necesario xa que este camiño dá acceso a varias fincas ás que se accede con maquinaria agrícola
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular fanse eco das queixas recibidas por parte de veciños de Adai, que reclaman o arranxo dun camiño que empregan, sobre todo para tránsito de vehículos agrícolas xa que dá acceso a varias fincas ás que se entra con maquinaria, polo que o risco para agricultores e operarios é máis que evidente.
Os veciños denuncian o mal estado deste camiño, que se agravou nas últimas semanas, e critican que hai tempo que levan pedido que se amañe esta pista xa leva meses deteriorándose sen que as súas reclamacións fosen atendidas polo goberno local. “A realidade é que os afundimentos son de grandes dimensións o que pode provocar que envorque a maquinaria”, advirten.
Dende o Grupo Municipal do PP reclaman o arranxo inmediato desta pista, xa que tamén se trata dunha zona moi frecuentada por lucenses amantes da natureza e do deporte, polo que o risco tamén é evidente para todos os usuarios.