O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide faise eco dunha queixa dun turista que a piques estivo de pagar nas máquinas da ORA por estacionar nas inmediacións do parque Rosalía de Castro, o que apoia a petición, realizada en numerosas ocasións polo PP, de sacar os parquímetros das rúas da cidade
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, defende a necesidade de sacar de inmediato os parquímetros da ORA das rúas de Lugo despois de ter coñecemento de que seguen a xerar problemas aos turistas que chegan á cidade, que ao ver as máquinas pensan que teñen que pagar por estacionar, o que lles provoca danos como a perda de cartos ou das tarxetas de crédito.
Pese a que moitas destas máquinas están destartaladas, logo de que os vándalos as destripasen para levar aquelas partes que tiñan algo de valor, convertendo o seu esqueleto en ferralla, seguen a xerar confusión entre os visitantes que chegan a Lugo, xa que o turista que presentou a reclamación dixo que “de non ser por un cidadán que o informou da situación” tería pagado por estacionar na vía pública.
Unha situación ante a que Antonio Ameijide tira de ironía para sinalar que “como non teñen función algunha seguen na rúa xa que o goberno local tentará engadilos ao patrimonio cultural da cidade, sendo os parquímetros de Lugo son tan inútiles como o bigoberno”.
Pese a todo, dende o Grupo Municipal Popular seguen tendendo a man tanto a Lara Méndez como a Rubén Arroxo para buscar unha solución que axude aos cidadáns. Neste senso, recorda Antonio Ameijide como xa se puxo en varias ocasións sobre a mesa a proposta para crear un sistema de rotación gratuíto en zonas concretas; creando unha comisión deste sistema para, entre todos, determinar as zonas nas que se debería implantar este modelo. Recorda o popular que esta medida está aprobada en pleno pero seguen negándose a poñela en marcha, pese a que “dende o BNG se apoiaba o noso plantexamento, postura que trocou dende que están no goberno, demostrando que son a ovella mansa do PSOE”.
A fío desta cuestión, os populares xa pediron en reiteradas ocasións a convocatoria da mesa de ordenanzas para abordar os cambios necesarios nas ordenanzas fiscais de 2022 e entre as medidas que propoñen está a de “reformular de xeito integral a ordenanza da ORA para poñer en marcha un sistema rotatorio do aparcamento gratuíto para facilitar o aparcamento en zonas onde hoxe é moi complicado ir en vehículo propio, impulsando medidas para facilitar o funcionamento dos negocios nestas zonas ao mellorar o acceso a eles”.
Neste senso, Antonio Ameijide explica que resulta curioso que o goberno local, na recente renovación da rúa Quiroga Ballesteros deixase no seu lugar a máquina da ORA que hai nos soportais da rúa, a pesar de que renovaron todo o chan e peonalizaron a rúa. “Hai situacións nas que é mellor rir porque se te paras a pensar que quitaron a máquina da ORA para colocar as plaquetas do chan e que logo a colocaron de novo; non hai quen o entenda”, lamenta.