Antonio Ameijide detalla que o departamento de Persoal do Concello de Lugo cuestiona “a validez xurídica” da Relación de Postos de Traballo “ao carecer dun estudo individualizado, específico e pormenorizado de cada praza”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, revela que o servizo de Persoal vén de emitir un informe desfavorable á proposta do goberno da Relación de Postos de Traballo (RPT).
A ese respecto, Antonio Ameijide salienta que este informe sinala un total de dez eivas, algunha delas que podería ser “causa da nulidade xurídica” da RPT, como a inexistencia dun estudo individualizado, específico e pormenorizado de todos os postos de traballo do Concello de Lugo, mediante aplicación de criterios obxectivos previamente establecidos. Non constan enquisas, cuestionarios, informes técnicos e nin tan sequera ningún equipo técnico que de maneira obxectiva puidera ter feito esta valoración dos postos, condición necesaria para a súa validez xurídica. “O único que está a facer o goberno municipal é someter a unha incertidume e a unha tensión completamente innecesaria aos seus propios empregados despois de non escoitar nin sequera aos xefes ou responsables de cada servizo”, asegura Ameijide, quen incide en que o informe técnico tamén advirte de que a valoración é unha operación técnica obxectiva, que neste caso entendemos non consta realizada para todos os postos de traballo.
Polo demais, o vicevoceiro popular destaca que “na práctica, moitos postos de traballo quedan no aire, nun limbo moi perigoso”, dado que hai algúns aos que non se lles asigna ningunha puntuación e posto que non figuran postos correspondentes a prazas que foron ofertadas nas ofertas de emprego aprobadas para os anos 2015 e 2016, o que vén agravado co feito de non figurar postos ocupados por interinos e incluso cando derivan da execución de sentenzas.
A isto hai que engadir “o baleiro” que provoca que funcións que nestes momentos teñen asignados postos de traballo e que [na nova RPT] non figuran recollidas así como o feito de que figuran modificacións en complementos de destino de postos, sen que conste valorada a modificación na especialización, responsabilidade, competencia e mando dos mesmos, tal e como esixe a Lei.
Incoherencias e incongruencias.-
Por outra banda, Ameijide advirte de que este informe tamén reflicte as incongruencias e discordancias que existen en torno ás consideracións que reciben ata 53 prazas, “con incoherencias entre o organigrama, a proposta de valoración, o manual de descrición e o plan de ordenación”.
Por último, o vicevoceiro popular tamén destaca que se produciron 15 cambios “con respecto ao que parte dos sindicatos que non foron vetados polo goberno aprobaron na Mesa Xeral de Negociación”, polo que critica que os socialistas “non só excluíron á maioría dos representantes dos traballadores senón que tamén fallaron a parte do que acordaron”. “O que ten que haber é unha proposta e unha resposta definitiva canto antes que dea certidume aos empregados municipais, téndoos en conta e atendendo ás súas particularidades e ao que os que verdaderaimente saben, que son os xefes de servizo, teñen que dicir”, conclúe, ao tempo que revela que o Interventor municipal nin sequera tivo ocasión de realizar un informe sobre a RPT nin se lle solicitou.