O vicevoceiro do PP apunta que os técnicos teñen avanzado para reimplantar o préstamo de bicicletas (estudo da contía precisa para elo e do importe de vehículos eléctricos) “pero, coma sempre, falla a dirección política dun goberno adormilado”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, revela que un informe técnico do Concello atribúe a non recuperación do Rebicíclate, “despois dun investimento de 117.600 euros e de máis de cinco anos inoperativo”, ao que os populares consideran “falta de vontade política”.
En concreto, o funcionario municipal detalla no seu documento que xa se teñen realizado os estudos necesarios tanto para determinar a contía económica precisa para reimplantar este programa como para o importe que suporía incorporar a el bicicletas eléctricas, como pediu o PP en numerosas ocasións. “Pero en ambos os dous puntos, o traballador do Concello deixa ben ás claras que a posta en marcha depende dunha cuestión de ámbito político”, afirma Ameijide, quen insiste en que “o que se desprende é que se a día de hoxe non podemos empregar este sistema municipal é polo capricho do goberno local, que despreza o traballo dos seus funcionarios e as reivindicacións de moitos colectivos lucenses e de grupos da corporación como o PP”.
Así mesmo, o técnico municipal destaca neste mesmo informe que xa se ten avaliado o importe que suporía a adhesión do Concello á Rede de Cidades pola Bicicleta e a creación do Rexistro Municipal de Bicicletas, “dúas medidas reiteradamente solicitadas polo Partido Popular”, se ben “o resultado práctico é o mesmo: ambas propostas dormen no caixón dos concelleiros do goberno, que pretenden imprimirlle aos lucenses a mesma somnolencia e apatía que os caracteriza a eles”. “E iso por non falar de actuacións das que nada se sabe por máis que teñamos insistido, como a ampliación do número de bases de préstamo, a reorientación do Rebicíclate tamén para turistas, o impulso ao uso destes vehículos nos paseos do Miño e do Rato ou á dotación de fontes e puntos de lavado dos ciclos nestes entornos”, subliña.
Goberno refén.-
Polo demais, o vicevoceiro popular asegura que “este goberno local en menos de dous anos xa é refén de moitas das súas promesas incumpridas e das súas cortinas de fume”, dende o compromiso de ter creado ao longo de 2016 un carril bici específico en Duquesa de Lugo ata a implantación da zona 30 na Ronda da Muralla, medida na que se daría prioridade a este medio nun dos seus carrís. “Segundo a alcaldesa era para xusto despois de Reis, pero os Reis Magos non lle deberon de traer os sinais a este goberno, porque xusto un mes despois nada se sabe desta actuación, que era pouco máis ca un parche”, ironiza o popular.
Por último, Antonio Ameijide lamenta que “este novo goberno siga, ao igual que o anterior, condenándonos a todos os lugueses a un uso residual da bicicleta”, moi lonxe de chegar ao obxectivo de que o 6% dos desprazamentos do municipio se realizasen empregando os ciclos, formulado por expertos como Jesús Martínez, “a quen o Concello lle encargou un estudo que, máis de dous anos despois, continúa gardado nun caixón, exactamente igual que o Plan de Mobilidade”.