Os concelleiros populares critican a situación que se viviu onte no Concello de Lugo, con Paula Alvarellos e Maite Ferreiro ofrecendo recepcións por separado ao mesmo grupo de rapaces, unha mostra máis de que Lugo ten dous gobernos diferenciados, que non funcionan e que unicamente asinaron un pacto de goberno polo interese propio: os cartos
Que no Concello de Lugo hai dous gobernos diferenciados é unha realidade que o Grupo Municipal do Partido Popular ven denunciando dende que a corporación municipal tomou posesión e que, onte mesmo, viviu un novo episodio destas dúas realidades que dirixen o municipio.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular cualificaron como “bochornoso e esperpéntico” que o goberno local realizase onte dúas recepcións por separado ao mesmo grupo de rapaces. “Non entendemos que Paula Alvarellos e Maite Ferreiro formando parte do mesmo goberno local decidan realizar dúas recepcións ao mesmo grupo de rapaces por separado”, lamentaron.
Para os populares, o máis seguro é que unha das patas deste goberno local decidise realizar a recepción sen informar a outra parte, polo que os que inicialmente quedaron fóra da recepción decidisen organizar a súa propia de inmediato. “Unha mostra máis de que Lugo ten dous gobernos diferenciados, que non funcionan, que non axudan a que Lugo medre e que unicamente asinaron un pacto de goberno polo interese propio: os cartos”, afirmaron.
Unha situación ante a que os concelleiros populares tamén preguntan ao goberno local polos criterios que se seguen para decidir a que recepcións se convida aos grupos da oposición e a cales non, xa que onte “non recibimos convite algún”. “Os 25 concelleiros que formamos a corporación somos os representantes da cidade, polo que nos gustaría estar presentes nas homenaxes que se realizan aos lucenses, xa que unha recepción institucional require da presenza de todos os grupos da corporación”, explicaron.