O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Rafael Pérez sinala que o Concello e o Goberno central deberían de iniciar conversas para poñerse de acordo no arranxo do paso inferior que hai na N540 ao seu paso por Lugo, xa que se trata dunha vía moi empregada polos lucenses porque é o acceso a varias urbanizacións e ao polígono industrial da Louzaneta
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Rafael Pérez, pide a Concello e Goberno central que se poñan a traballar para arranxar os baches que presenta o paso inferior da N540 e as vías colindantes, que dificultan a circulación e xa causaron danos nos baixos dalgún vehículo.
Rafael Pérez explica que varios veciños da zona se puxeron en contacto co Grupo Municipal Popular para amosar o seu malestar por esta situación xa que non é algo puntual. “Os veciños critican que levan xa varios anos así e que co paso constante dos vehículos e as inclemencias do tempo en inverno o firme cada vez vai a peor, polo que piden solucións inmediatas”, apunta.
O popular visitou a zona acompañado dos veciños e comprobou as dimensións dos diferentes baches deste paso inferior. “É imprescindible unha actuación inmediata para evitar que teñamos que lamentar calquer tipo de accidente no futuro”, sentencia.