O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lembrou que Lugo tivo dúas prazas que se suprimiron e, dado que hai un repunte nas vendas deste tipo de vehículos, se deberían ofertar zonas para estacionar e recargar
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, solicita ao bigoberno que realice un estudo para determinar cales son as mellores localizacións para que a cidade dispoña de zonas de aparcamento para a recarga de vehículos eléctricos.
Antonio Ameijide recorda que Lugo xa contaba con dúas prazas para a recarga e estacionamento de vehículos eléctricos (unha na rúa Cidade de Viveiro e outra na rúa Alcalde Anxo López Pérez), pero o anterior goberno de Lara Méndez decidiu suprimilas. Os populares explican que en 2019 disparouse a venda des vehículos eléctricos polo que “diante do aumento no número de vehículos eléctricos ou híbridos que hai nas rúas é preciso dotar a Lugo deste tipo de prazas de estacionamento de novo”, afirmou.
O concelleiro popular considera que Lugo debe contar con este tipo de prazas de estacionamento e recarga “se é certo o que di o bigoberno de que queren que Lugo sexa unha cidade sostible”. Cómpre recordar que este tipo de vehículos se caracterizan por ser respectuosos co medio ambiente porque reducen a dependencia enerxética e a contaminación. Ademais ao non queimar os combustibles na cidade redúcese a emisión doutros gases nocivos como son os compostos de xofre e nitróxeno, así como os niveis de ruído.
Antonio Ameijide insta ao bigoberno a apostar decididamente por recuperar estas prazas “e non quedarnos só aí, se non que hai que crear máis das dúas que había”, xa que as cidades deben adoptar medidas para que os usuarios destes vehículos poidan recargar as baterías na vía pública, polo que é preciso que o Concello de Lugo habilite zonas de aparcamento e recarga para desa forma apostar por unha política de mobilidade baseada no respecto ao medio ambiente.
O concelleiro popular explica que incluso temos coñecemento de que hai empresas que están a instalar estas prazas de estacionamento e recarga noutras cidades “a custe cero” polo que Lugo non debería de deixar pasar esta oportunidade e sumarse a esta tendencia que axuda a coidar do medio ambiente.