Parques infantísSeguridade

O PP solicita ao bigoberno un plan de actuación para corrixir as deficiencias dos parques infantís

By 1 Novembro, 2019Novembro 4th, 2019Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Cristina Abades sinala que hai zonas de xogo con elementos “moi perigosos” para calquer persoa, como parafusos duns cinco centímetros á vista, o que supón “un perigo real” para calquera que se tropece e se golpee contra eles

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Cristina Abades, pide ao bigoberno de Lugo “maior sensibilidade” cos parques infantís de Lugo xa que é preciso contar con máis destas infraestruturas cubertas debido ás inclemencias climatolóxicas que hai na cidade durante moitos meses.

Cristina Abades sinala que semella que o bigoberno “non coñece a cidade na que vivimos”, unha cidade na que é fundamental contar con diferentes parques infantís cubertos para que os rapaces tamén poidan xogar nos días de choiva. Na actualidade só hai dous na cidade, unha cifra “insuficiente”, polo que habería que apostar por realizar a cuberta doutras zonas.

Unha medida que tería que acompañarse dunha revisión total das zonas de xogo infantís que hai no concello, xa que moitas delas presentan unha “mala situación xeral”, ademais de elementos “moi perigosos”. “Entendemos o desgaste que se produce neste tipo de instalacións para os máis pequenos, sobre todo porque son moi empregadas. O que non entendemos é que non se coiden os detalles, como deixar ao descuberto parafusos de case cinco centímetros de lonxitude que poden facer moito dano a calquera que tropece e caia contra eles”, indicou.

Por iso é preciso realizar un plan de revisión das zonas de xogo infantís que hai en Lugo porque seguen a chegar queixas polas “grandes fendas de varios centímetros de profundidade” que se ven nos pavimentos de caucho que hai na práctica totalidade das zonas de xogo infantís de Lugo. “Iso é outro risco para a seguridade dos rapaces, xa que é moi sinxelo tropezar ou meter un pé e facerse moito dano”, sinalou.

Outro dos aspectos a coidar sería a instalación de columpios e elementos de xogo adaptados para nenos e nenas con problemas de mobilidade e e revisar a seguridade dos devanditos columpios xa que hai elementos, como os columpios adaptados do parque de Rosalía de Castro e Frigsa que carecen dos cinturóns de seguridade imprescindibles, algo fundamental para garantir que os rapaces vaian seguros nos columpios.

Para a concelleira popular “a accesibilidade nos parques infantís é un reto pendente” no Concello de Lugo. “Os nenos precisan espazos de xogo onde compartir o seu tempo, sen importar cales son as súas capacidades, e no que aprender a vivir en igualdade, sen que as diferenzas sexan un obstáculo”, sinalou.

Cristina Abades tamén fai especial fincapé na necesidade de coidar a limpeza das zonas de xogo, xa que moitas delas deixan unha imaxe “descoidada” chegando ao punto de que nalgunhas delas hai días concretos nos que se pode ver unha gran cantidade de lixo no chan. “Hai que tomar conciencia de que se son zonas de xogo para os máis pequenos teñen que estar en perfectas condicións para evitar calquer tipo de risco para os rapaces”, afirmou.

Incluso sería preciso estudar a instalación de fontes públicas en todas as zonas de xogo, xa que nalgunhas, como a de Marcos Cela “non hai fonte, e sería bo para os rapaces poder beber con tranquilidade mentres xogan”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies