A concelleira popular Cristina Abades quere saber “os motivos polos que o Concello de Lugo tardou dez meses en modificar a ordenanza que permitirá aplicar esta gratuidade” xa que “dende que se anunciou ao medida, en xaneiro de 2020, tiveron tempo suficiente para ter listo este trámite”
A concelleira popular Cristina Abades quere saber se as familias que levan os seus fillos ás Escolas Infantís Municipais se están beneficiando da gratuidade que paga a Xunta para segundos fillos e sucesivos. A popular explica que intentou averiguar, facendo preguntas en diferentes comisións tanto ao vicealcalde Rubén Arroxo como a responsable de economía Paula Alvarellos, sobre se esta medida se aplica dende o mes de setembro recibindo por parte do bigoberno “respostas ambigüas que non clarifican si se lles pasa ao cobro a tarifa.
Para Abades a modificación da ordenanza para aplicar este desconto, e que se leva ao pleno deste xoves, chega tarde preguntándose “cales foron os motivos polos que non fixeron este trámite antes”. Hai que lembrar que esta medida, da gratuidade para segundos fillos e sucesivos nas garderías, se anunciou no pasado mes de xaneiro. Daquela a alcaldesa aplaudiu esta acción alegando que “suporía que todos estean en igualdade de condicións e, sobre todo, os que teñan menos recursos” e agora vemos que “no momento da verdade non é nin capaz de aplicar esta medida, nin de reclamar os fondos”
Cristina Abades explicou que a Xunta de Galicia, dentro das medidas de apoio ás familias, adoptou una medida pioneira e sen precedentes en toda España, a gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos. Tamén recorda que os Concellos podían aplicar esta medida no curso 2020-2021 xa que a Xunta dotou fondos para facilitar que as escolas infantís municipais introduciran a gratuidade. “Esperemos que non desaproveiten, ainda que sexan uns meses, esta medida tan beneficiosa para as familias” reflexionaba a popular.