Transporte urbano

O PP urxe a convocatoria da mesa de transporte para poñer inmediatamente en funcionamento as novas liñas dos buses urbanos 

By 3 Novembro, 2020Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide argumenta a necesidade de convocar este órgano en que apareceron novos postes de información en diferentes paradas de bus urbano sen facer público o deseño definitivo para, a través do maior consenso, buscar o mellor servizo para os lucenses, algo que se fixo desde o Grupo Popular en conversas mantidas co responsable do transporte municipal

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, insta a Rubén Arroxo a convocar de xeito inmediato a mesa de transporte para explicar a todos os grupos os pasos a seguir dende a área de mobilidade, sobre todo, no referente ao transporte urbano.

Antonio Ameijide xustifica a necesidade de convocar a mesa de transporte debido a que se detectou a instalación de novos postes informativos das liñas de bus urbano en diferentes zonas da cidade. “Imaxinamos que se están a instalar novos postes informativos, pero urxe tamén renovar as marquesinas e poñer en marcha os paneis informativos e o SAE, pero antes de facer todo isto é preciso consensuar o deseño definitivo das liñas, xa que era o acordo que tiñamos con Arroxo tralas xuntanzas mantidas nos últimos meses”, sinalou.

O vicevoceiro popular explica que é preciso pechar e publicitar o máis axiña posible o deseño definitivo das novas liñas de transporte urbano para poder poñelas en funcionamento canto antes. “É preciso que entre todos busquemos o mellor deseño, dentro dos condicionantes que marca o contrato deste servizo, para dar aos cidadáns un servizo axeitado, áxil e que se axuste o máximo posible ás necesidades dos lucenses”, apuntou.

A importancia de acordar o novo deseño canto antes vén dado pola necesidade de transmitir as novas liñas á empresa concesionaria do servizo para que os propios condutores dos autobuses poidan estudar as mesmas para poñelas en funcionamento, algo que tamén é preciso transmitir con antelación á cidadanía para que teñan toda a información e poidan planificar con tempo os seus desprazamentos, xa que é de supoñer que cambiará nos horarios, os buses que teñen que coller e os transbordos.

O vicevoceiro popular tamén recalca a necesidade que este redeseño das liñas de transporte se acompañe de medidas como:

  • Abandonar as frecuencias dunha hora e apostar por frecuencias de entre 10 e 15 minutos
  • Gratuidade para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos, unha medida que se aprobou no pleno a iniciativa do Grupo Municipal Popular
  • A creación inmediata dunha APP para móbiles con información en tempo real e que permita calcular as rutas

Antonio Ameijide explica que se trata de pequenas innovacións pero que suporán unha pequena revolución para o transporte urbano de Lugo xa que o sistema actual “está anclado no pasado”. “Trátase de facer máis atractivo o servizo, algo para o que tamén se pode estudar a implantación de bonos semanais, mensuais ou anuais, cun prezo reducido, para animar aos lucenses a subir ao autobús urbano”, sinalou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies