A concelleira popular Mari Teijeiro detalla que “a día de hoxe, hai asociacións que aínda non cobraron as axudas correspondentes ao ano 2014 e outras ás que ata decembro de 2015 non se lles ordenou o pago das do ano anterior”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro urxe ao goberno socialista a convocar “coa maior celeridade posible” as subvencións para entidades sociais correspondentes ao ano 2016.
“Agora que, por fin, Lugo ten uns orzamentos a mediados de ano, non debemos deixar pasar un día máis sen publicar as bases para estas axudas”, apunta a edil popular, ao tempo que esixe “rapidez tamén na sinatura dos convenios nominativos e na resolución tanto das de tipo nominativo como das de libre concorrencia”.
Nesa liña, asegura que “o día a día destas asociacións estase a ver claramente perxudicado polo retraso no cobro das axudas nominativas e pola incertidume de non saber de que aportación económica disporán por parte do Concello no caso das de libre concorrencia”, unha situación que atribúe á “falta de dilixencia total e absoluta da nova alcaldesa”. “Leva menos dun ano e xa lle demostrou ao tecido asociativo e ao resto de lugueses que o diálogo co grupo maioritario da corporación será máis unha excepción que unha norma, e iso é algo que ten consecuencias no plano práctico, como este asunto do que estamos a falar”, incide Teijeiro.
“O que non pode seguir acontecendo é que haxa entidades sociais que a día de hoxe aínda non recibiran as axudas correspondentes á convocatoria do ano 2014 e que a outras asociacións non se lles ordease o pago destas subvencións dese mesmo exercicio ata decembro do 2015”, subliña Mari Teijeiro, polo que urxe ao goberno a esta resolución. “Temos que evitar que as subvencións non se aproben ata o mes de decembro como ocorreu estes anos, xa que limitan e condicionan o desenvolvemento dos traballos destas entidades”, apunta.
Así mesmo, a edil popular reclama “unha maior proporcionalidade” entre as subvencións nominativas e as de libre concorrencia, coa finalidade de que “na decisión de conceder axudas a unhas e non a outras ou de establecer uns importes determinados primen criterios racionais e obxectivos”. A este respecto, Teijeiro detalla que fronte aos 246.000 euros previstos en subvencións nominativas (219.000 na área de servizos sociais e 27.000 na de muller), só quedan 25.500 euros para axudas de libre concorrencia, “sen que haxa nin un só euro para o ámbito de Muller e Igualdade”. “Isto provoca que asociacións que traballan neste eido, como Enriqueta Otero ou Si Hai Saída, practicamente queden sen opcións de contar con financiamento municipal ao non figurar entre as nominativas e ao non haber diñeiro consignado na fórmula de libre concorrencia para esta áera”, explica.
Por último, a concelleira popular pide que se corrixan “erros de anos anteriores”, en referencia ás situacións como a do ano 2014, na que o goberno municipal esixía ás asociacións de mulleres que xustificasen as subvencións “incluso antes de que rematase o prazo para solicitalas”, ou a do ano 2012, cando a finais de agosto “había colectivos que nin sequera cobraran a axuda correspondente ao ano 2011”. “Se de verdade o goberno local ten vontade por cooperar e por traballar en rede, o primeiro que debe facer é axilizar as convocatorias e as resolucións, e agora mesmo ten unha oportunidade de ouro para este cambio de rumbo”, conclúe Teijeiro.