O concelleiro popular Manuel López explica que as pistas de Anguieiro e Paredes presentan un estado lamentable debido ao deixamento do goberno local xa que hai meses que se avisou das deficiencias destas vías e dende o bigoberno non fixeron nada o que provocou que as fochancas e afundimentos destas vías medrasen provocando un serio risco para circulación
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo recorda ao goberno local a súa obriga de ter en boas condicións as estradas de titularidade municipal, tanto as que se atopan no entorno urbano coma nas parroquias do rural, sobre todo estas últimas xa que moitas peticións para arranxar baches nas diferentes parroquias non se atenderon e agora dificultan a circulación aos veciños.
Un dos casos aos que fai referencia Manuel López é unha pista de Anguieiro, na parroquia de Santo André de Castro en Conturiz, cuxas deficiencias xa se denunciaron no mes de novembro, pero que o goberno local non quixo escoitar. O resultado é que agora as eivas que presentaba empeoraron dificultando moito a circulación aos veciños, volvéndoa en moitos casos perigosa. “O quilómetro de lonxitude desta vía, que da acceso a unha trintena de vivendas, é un verdadeiro perigo”, sinalou.
O popular recorda que esta pista amosa un estado “lamentable” especialmente nos seus primeiros 500 metros, xa que “hai constantes afundimentos” ao longo da canalización de saneamento, polo que complica en gran medida o tráfico rodado.
Manuel López achegouse de novo ata esta zona para comprobar in situ as reivindicacións dos veciños e constatou o “deficiente estado” do asfalto, polo que os coches teñen serias dificultades para circular, provocando que en ocasións “vaian polas cunetas”, sendo un verdadeiro perigo para a seguridade viaria.
Pero a situación non mellora ao desprazarse uns poucos metros, xa que nesta mesma pista, pero xa no lugar de Paredes, na parroquia de San Pedro Fiz en Muxa, a situación é idéntica. A pista presenta unhas deficiencias alarmantes que case impiden a circulación, chegando, en moitas ocasións a ter que deter os condutores os seus vehículos para pasar a unha velocidade mínima xa que xa se produciron varios accidentes e danos nos coches.
Unha situación ante a que o concelleiro popular di que se presentará de novo unha iniciativa en comisión para que se revise “sen demora e de xeito urxente” estas pistas para buscar a orixe destes problemas e así poñer unha solución definitiva para garantir a seguridade dos veciños.