EconomíaObras

O PP urxe unha solución para Soto Freire, “bloqueada” dende decembro

By 9 Xuño, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular, Jaime Castiñeira, solicita que “canto antes, se pode ser hoxe mellor que mañá, se habilite un paso para que, como mínimo, poidan transitar os peóns”, unha solución “sen coste ningún para as arcas municipais”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, urxe unha solución para a rúa Soto Freire, “bloqueada dende o 14 de decembro do ano pasado”.

Durante unha xuntanza celebrada esta mañá cos veciños e comerciantes afectados, o voceiro popular insta aos socialistas a habilitar canto antes, “se pode ser hoxe mellor que mañá” un paso para “cando menos os peóns”, cunha solución “que non tería coste ningún para as arcas municipais”. Deste xeito, o popular destaca que “igual que a Ronda da Muralla se repavimentou en dúas fases, para minimizar o impacto sobre a circulación, tamén no caso desta rúa se podía ter contemplado unha proposta similar, de maneira que quedase sempre algún espazo minimamente acondicionado e se traballase por partes”. “Se non se fixo así, é exclusivamente porque, unha vez máis, fallou a planificación do goberno local e porque falta vontade política”, expón o voceiro popular.

Así mesmo, Jaime Castiñeira explica que “estamos a falar dunha situación que non só repercute sobre os veciños de Soto Freire e os comerciantes da estación de autobuses e o seu entorno, senón que tamén afecta aos usuarios da consigna e aos residentes da rúa Galicia e a rúa Dinán que teñen que dar grandes rodeos polo capricho dos socialistas”. Ademais, o popular alerta de que “a situación se vai agravar coa celebración do Arde Lucus”, xa que a instalación dun campamento en Nemesio Cobreros “vai bloquear tamén este paso paralelo”, de xeito que “só quedará unha única alternativa, a de bordear a estación de autobuses”.

Por outra banda, ante o anuncio “repentino” dunha reunión da alcaldesa cos afectados para mañá, o voceiro popular apunta que “se a nosa convocatoria funciona para que, por fin, despois de seis meses, teña a ben escoitar directamente as súas queixas, xa nos damos por satisfeitos”. “Como é lóxico, compartimos e respaldamos estas protestas ante unha situación que non debería durar máis dun mes e que afecta a uns 80 metros”, asegura, ao tempo que censura “a falta de resposta ás reiteradas preguntas e denuncias que en relación a este tema presentamos dende o Grupo Municipal do Partido Popular”.

Protestas veciñais e de comerciantes.-

Durante a xuntanza, comerciantes da estación de autobuses cifraron nun 30% as perdas económicas para os seus negocios dende o peche da rúa hai seis meses. Mentres, os veciños lamentaron “a pasividade do Concello” cunha situación “que non é de recibo” e que se agrava “non só co peche de Nemesio Cobreros, senón tamén cos pasos de peóns mal sinalizados, cos vehículos estacionados en dobre ou triple fila e co bloqueo da saída provisional dos garaxes a través da rúa Dinán”. “Esiximos unha solución inmediata porque o que estamos pedindo é algo máis que razonable”, concluíu Andrea Núñez, a presidenta da comunidade de veciños Soto Freire número 7.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies