Jaime Castiñeira salienta que as contas autonómicas presentadas no Parlamento contemplan “só en investimentos directos” para o municipio 24 millóns de euros en 2017, aos que hai que engadir outros 55 millóns para o centro de drons de Rozas e o desdobramento Lugo-Sarria
Entre as novidades, o voceiro popular destaca os 3,6 millóns de euros previstos para a estación intermodal de Lugo, dos que os primeiros 75.000 euros se investirán no exercicio de 2017, 500.000 en 2018, 2,5 millóns de euros en 2019, e 500.000 euros en 2020. Outra cuestión na que tamén haberá avances será no desdobramento e conversión en autovía do treito Lugo-Sarria, actuación á que se destinarán un total de 16 millóns de euros distribuídos en varias anualidades: 250.000 euros en 2017, 4 millóns de euros en 2018, 6 millóns de euros en 2019 e 6 millóns de euros en 2020. Unha terceira novidade atópase no máis de 1,5 millóns de euros que se contemplan, só en 2017, para o programa Rexurbe orientado á estimulación da rehabilitación nos cascos urbanos.
“Son só tres exemplos que amosan o compromiso de Núñez Feijoo co Concello de Lugo e que se completan con outras partidas orientadas a culminar ou continuar proxectos emprendidos pola Xunta de Galicia en anos precedentes”, destaca Castiñeira en referencia a outros investimentos previstos para 2017 como os 450.000 euros do Plan Paradai, os 150.000 euros para o novo colexio do Sagrado Corazón, os 450.000 euros para o novo CEIP das Mercedes e o 1.638.668 para rematar a reforma do CIFP das Mercedes.
A todas estas cuestións hai que engadir outras que se inclúen en partidas máis xenéricas e que non se desglosan por municipios, como unha reserva de fondos para levar a cabo o estudo e o proxecto da nova residencia de maiores de Lugo (que se inclúe na partida global de maiores), o centro de emprendemento vinculado ao sector aeronáutico que se asentará no municipio ou a conservación e mantemento da muralla romana, entre outras.
O voceiro popular agradece, “de xeito especial”, o respaldo da Consellería de Educación e Cultura que, “novamente”, é unha que máis inviste no municipio con case 7,5 millóns de euros, renovando o seu compromiso coa investigación e o Campus por máis de 1,5 millóns de euros. “Todo iso, sen desmerecer, loxicamente, os 5,3 millóns de euros que consigna a Consellería de Medio Rural para o municipio ou os 3,8 millóns de euros da de Sanidade”, asevera Castiñeira.
Finalmente, o popular tamén ve “moi positivo” para a xeración de emprego na comarca os case 40 millóns de euros que a Consellería de Economía destina para o centro de drons de Rozas, para o cal se orzamentan en 2017 8,3 millóns de euros.