Jaime Castiñeira afirma que “o anuncio in extremis fóra do orde do día da comisión de contas” de iniciar a municipalización da grúa “só se explica polo medo da alcaldesa a enfrontarse a outro debate plenario coa sospeita de fondo da Pokemon”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira cualifica de “covardía política” o proceder do goberno municipal no relativo á municipalización da grúa.
Tal como explica o popular, ao remate da Comisión de Contas deste venres previa ao pleno do vindeiro xoves 31 “totalmente in extremis e fóra da orde do día” analizouse un informe da sección de Policía e Transportes no que se traslada a proposta para a comisión de estudo da remunicipalización da grúa. “Non cremos en absoluto nas casualidades e moito menos cando este acordo, que tanto tempo levamos esperando, chega xusto dous días despois de que o Grupo Municipal do Partido Popular rexistrara unha proposición o día 15 de marzo”, salientou Castiñeira. Nesa liña, o voceiro popular ironizou con que parece que “a alcaldesa non tivo tempo suficiente dende o acordo plenario 10/118 do 24 de setembro ou do escrito dirixido polo PP á alcaldesa a comezos de marzo deste ano para tomar esta decisión”.
O popular atribuíu esta medida, “equiparable á total improvisación coa suspensión da ORA e cuxas consecuencias ben sabemos todos os lucenses cales foron porque as sufrimos día a día”, ao desexo da alcaldesa de “evitar o debate plenario”. A ese respecto, Castiñeira advertiu de que “Méndez poderá librarse de abordar esta cuestión no próximo pleno, pero non das sospeitas que hai sobre o seu antecesor e sobre ela mesma ao querer prorrogar a toda costa este contrato, incluso dando máis tempo do que pedía a empresa, intención que tivo que ser freada polos técnicos municipais”.
Por último, e á vista desta situación, Jaime Castiñeira anunciou a retirada da proposición, o que comunicará oficialmente na vindeira xunta de voceiros.