Os populares lamentan que Lara Méndez “pretenda desviar á atención dos veciños cunha actuación no exterior do inmoble que, se ben mellorará o entorno, non era necesaria para abrir esta infraestrutura que leva dous anos sendo propiedade municipal”
O Partido Popular quere que se diferencie o que a alcaldesa quere investir en reparacións e o que se destinará a obra nova no auditorio de Magoi. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide fixo esta petición logo da última cifra que deu a coñecer a alcaldesa sobre o custe das reparacións na infraestructura que é propiedade do concello de Lugo dende hai dous anos.
Os populares razoan “se xa había un acceso a que se debe o cambio da urbanización” aclarando que “o edificio, independentemente das melloras exteriores, podería estar aberto e funcionando se Lara Méndez tivese un mínimo interese”. “Méndez escúdase nunha obra nova no entorno que mellora a estética coa que pretende agochar a súa incapacidade para poñer en marcha un edificio do que debería sentirse orgullosa”.
Outro aspecto que o PP critica é o momento do anuncio “a un ano das eleccións vénse que se lles foi das mans e que son incapaces de abrir esta infraestrutura xa que non tiñan trazado un plan, nin saben como xestionalo, nin darlle contido”. Con respecto aos prazos auguran que o bipartito acabará o mandato sen abrir o edificio “aínda tendo listos esta semana os pregos aínda hai que cumprir os prazos para a presentación de ofertas, de reclamacións… poderíamos estar falando de 12 meses no caso máis optimista”.
Ameijide “tamén ve pouco serio que en dúas semanas se cuadriplique o investimento” matizando que “o baile de cifras, que en dúas semanas variou ata catro ocasións pasando dos 300.000€, aos 800.000€, a 1M€ e por último a 1.3M€”.
Os populares pregúntanse “se o edificio non estaba para recibir como foron tan irresponsables de incorporalo ao patrimonio municipal” e lembran como o Concello de Lugo aceptou o edificio “despois de que técnicos municipais fixeran unha revisión e lle desen o seu visto e prace e a acta de recepción asinouse sen poñer nin unha soa coma, nin pega”.
Por último, Ameijide considera unha falta de lealdade e unha actitude covarde “que a alcaldesa en vez de xestionar se dedique a facer oposición á Xunta para agochar a súa falta de traballo”.