A edil popular Mari Teijeiro considera “irresponsable e desaxeitado” que a edil socialista Ana González diga que “o Concello non ten competencias sobre a violencia de xénero”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Mari Teijeiro considera “inaceptable” que o goberno municipal “se desentenda” da violencia de xénero.
Esta é a interpretación que a edil de Servizos Sociais do Grupo Municipal do Partido Popular realiza logo de que esta mañá a concelleira socialista Ana González asegurase que “o Concello de Lugo non ten competencias en materia de Igualdade” como resposta á pregunta dos populares polo punto no que se atopa a elaboración do protocolo de atención ás vítimas. “Cando se trata de dar resposta a unha lacra social desta envergadura, respostas irresponsables e desaxeitadas coma esta poñen de manifesto a renuncia e a resignación do goberno municipal a plantar cara a esta forma de terrorismo machista”, asevera a popular.
Nesa liña, os populares critican, “ademais das formas, o fondo do asunto”, posto que “despois de máis de cinco anos anos pedindo que se elaborase este documento, o que nos atopamos é que a día de hoxe seguimos sen contar con el, malia a que segundo manifestacións anteriores desta edil, o documento xa estaba rematado en 2014, por certo elaborado por unha empresa externa”.
Por último, Mari Teijeiro anima aos socialistas a “impulsar e poñer en valor a atención que presta o Concello de Lugo na Casa da Muller ou o servizo que dá coas vivendas de acollida a mulleres vítimas de violencia de xénero”. “Todo esforzo é pouco cando se trata de atallar unha lacra social desta dimensión”, conclúe.