Tráfico

O PP ve no colapso de tráfico en Lugo “outro novo fracaso da alcaldesa”

By 5 Xaneiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

O concelleiro Antonio Ameijide atribúe a situación á falta dun plan de tráfico específo para estas datas e a que todos os pasos “erróneos” que foi dando a alcaldesa na ORA ou o transporte urbano facían prever que se complicase a circulación.

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Antonio Ameijide asegurou esta mañá en rolda de prensa que o colapso de tráfico de onte “é outro novo fracaso da alcaldesa”.

Nesa liña, o popular atribuíu esta situación a dous factores: por unha banda, a ausencia dun plan de tráfico claro que puidera atenuar o impacto dos factores “ordinarios e extraordinarios” que complican a circulación nestas datas; e, pola outra, a que “todos os pasos que a alcaldesa foi dando nos encamiñaron cara estas complicacións”, como foi a supresión repentina da ORA, a ausencia de melloras no transporte urbano ou a falta dun compromiso real cunha mobilidade sostible. Aínda así, Ameijide indicou que “un atasco de media hora ou dunha hora é engorroso pero asumible para un condutor calquera, pero no caso dun camión de bombeiros ou dunha ambulancia ese tempo para atravesar un punto é o que pode marcar a diferenza entre a vida e a morte”.

Así mesmo, o popular incidiu en que “o atasco sen precedentes de onte é o reflexo perfecto dunha cidade que está absolutamente colapsada en todo, por desgracia non só no tráfico, por culpa dun goberno que evidencia a súa falta de ideas, de criterio e de xestión política”. Deste xeito, Ameijide apuntou que “cada paso que deu a alcaldesa en materia de tráfico para o único para o que serviu foi para facer aceptable a xestión que realizara nesta materia López Orozco”, posto que “o primeiro que fixo foi provocar perdas no comercio lucense e incomodidades aos condutores cunha ocorrencia súa dunha tarde de verán como foi a supresión repentina da ORA”. A este caso engadiu os da apertura do novo centro comercial, a respecto do que dixo que “a ninguén se lle pasa pola cabeza non adoptar medidas de tráfico no entorno, pero o único que fixo o goberno foi modificar as frecuencias de paso dun semáforo a raíz dunha petición cidadá”; a ausencia dun plan de sinalización horizontal “para atender as necesidades da cidade e dar cumprimento ao que en 2014 aprobamos PP e PSOE con cargo aos remanentes de tesourería de anos anteriores”.

Por outra banda, cualificou de “ridícula” a maneira de intentar botar balóns fóra da alcaldesa “quen pretende trasladar a outras administracións as súas propias eivas”. “Todos sabemos que no Nadal sempre se producen complicacións derivadas da metereoloxía e das compras e este ano nin co agravante dunha tractorada que ten unha das arterias da cidade colapsada o goberno municipal tomou a máis mínima decisión para atenuar unha situación máis que previsible”, destacou Ameijide, ao tempo que chamou aos socialistas a preocuparse por “conciliar o lexítimo dereito a unha reivindicación xusta, como é a dos gandeiros, cos intereses dos comerciantes diante da campaña máis importante do ano, e coa liberdade dos lugueses a unha mínima mobilidade”.

Comisión da ORA.-

Durante a súa comparecencia, o edil popular tamén se referiu á comisión para a municipalización da ORA celebrada onte, a respecto da que dixo que “evidenciou a fraxilidade e a debilidade dun goberno municipal curtopracista sen proxecto de cidade”, que se viu “obrigado a claudicar” e a atender “as propostas da oposición en lugar de blindar os intereses dun sindicato e de pretender entregar novamente esta concesión a Vendex”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies