Economía

O PP ve o orzamento “lonxe do que Lugo e os lucenses necesitan e merecen”

By 22 Marzo, 2016Sin comentarios

Castiñeira afirma que “se Lugonovo e BNG apoian os orzamentos da alcaldesa estarán condenando aos lugueses a unha maior presión fiscal, a un incremento das multas e a unha redución drástica dos investimentos”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que o orzamento aprobado onte en xunta de goberno está “lonxe do que Lugo e os lucenses necesitan e merecen”.

Nese senso, Castiñeira detallou que “se Lugonovo e o BNG apoian a proposta no pleno do xoves que vén estarán a condenar aos lugueses a unha maior presión fiscal e a un incremento das multas”. A este último respecto, salientou que previsións como a de sancións de tráfico soben case un 7%, chegando case aos 2,5 millóns de euros, ou a de multas por infraccións urbanísticas, que se incrementa nun 38% e acada os 130.000 euros. “Seguen disparándose os gastos xurídicos ao multiplicarse por 4 dende 2015, alcanzando este ano aos 2.639.705,34 euros, e tamén os gastos diversos, que superan os 4 millóns de euros”, apuntou tamén.

Prioridades que non coinciden coas dos lucenses.-

Por outra banda, Castiñeira tamén se referiu a que as “prioridades” do goberno “non coinciden en absoluto coas dos lucenses”. Así, exemplificou que os socialistas prevén destinar 120.000 euros para unha varanda de cristal no vello cárcere en lugar de dotar con eses fondos de abastecemento e saneamento aos veciños de rúas Agro do Granxeiro ou Miñato. “Existe un acordo plenario para executar esta intervención pero a alcaldesa, unha vez máis, desenténdese del”, explicou, ao tempo que subliñou que “nós optamos pola atención ás persoas, non polos luxos”.

Así mesmo, o voceiro popular cualificou de “pura ciencia ficción” partidas coma os 800.000 euros previstos para Infanta Elena, “que non se poderá executar porque non están aínda os terreos para poder acometer a obra”, os “escandalosos” 50.000 euros para o mobiliario “dunha biblioteca que leva anos sen ser máis que un esqueleto”, os 50.000 euros para o novo auditorio “cos que non se vai a ningún lado” ou o 1,7 millóns de euros como achega da Deputación Provincial, “que se arrastra de ano en ano en lugar de estar xa invertido e destinado ás seguintes intervencións”. “O surrealismo é total cando vemos que para o vello cárcere se destinan outros 900.000 euros a maiores dos 4,5 millóns xa gastados alí”, sinalou Castiñeira, ao tempo que anunciou que pedirá explicacións pola partida prevista para baños no Parque Rosalía de Castro, “tendo en conta que de acordo coa concesión da nova cafetería, na que se gastaron 800.000 euros de diñeiro público, os desta instalación deberan funcionar como aseos públicos”.

Ademais, o popular destacou que outras partidas son “exiguas”, coma a de asfaltado de pistas (270.000 euros), “e outras, como a cobertura da piscina de Frigsa, nin sequera aparecen”.

Bandeira europea.-

Por último, o popular censurou a “dobre cara” dos socialistas, que onte no Parlamento galego votaron en contra da arriar a bandeira europea da institución, “mentres que aquí promoveron, non se sabe se a cambio precisamente do apoio nos orzamentos dos outros grupos, a retirada deste emblema”. “Esa é a coherencia da alcaldesa de Lugo”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies