Economía

O PP ve “opaco, insuficiente e incompleto” o orzamento municipal de 2016

By 21 Marzo, 2016Sin comentarios

O voceiro popular, Jaime Castiñeira, asegura que se dispara a previsión de ingresos ao tempo que “medra descontroladamente” o gasto corrente, que se incrementou nun 20% nos últimos cinco anos ata chegar aos 43 millóns

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que o orzamento que vén de aprobar o goberno local en xunta de goberno extraordinaria é “opaco, insuficiente e incompleto”.

“Estamos diante dunha proposta que é pouco ambiciosa”, sinalou Castiñeira, quen exemplificou esta “realidade” co novo plan de emprego, para o que prevén 1,2 millóns de euros. “Toda iniciativa nesta materia é sempre benvida e contará co noso respaldo”, indicou o popular, se ben sinalou que “o noso compromiso, que seguimos mantendo, era destinar seis millóns de euros en tres liñas complementarias para a creación e o mantemento de postos de traballo”.

Por outra banda, o voceiro popular indicou que “á vista das primeiras indicacións que recibimos esta mañá no Consello Económico e Social e á espera de que nos remitan a documentación completa, vemos que se incorporaron algunhas das vellas reivindicacións que levamos tempo defendendo dende o Partido Popular”. Entre elas, citou o incremento nas partidas de axudas ao aluguer e de emerxencia social, a creación dunha praia fluvial ou a actuación integral en Duquesa de Lugo, co desdobramento, a iluminación e o carril-bici. “Como non podía ser doutra maneira, estudaremos todo o orzamento en canto o teñamos, pero as primeiras liñas reflicten que o goberno municipal atendeu parte das nosas propotas e, ante a súa falta de ideas, déixanse guiar polo Partido Popular”, subliñou Castiñeira, quen dixo que “o importante é que Lugo avance e os lugueses gañemos en calidade de vida”.

Ruptura de diálogo.-

Durante a súa comparecencia, o popular tamén desmentiu que se tivera producido unha ruptura do diálogo co goberno, xa que “non se pode romper o que non había”. Nese senso, retou á alcaldesa a dicir “un só momento no que o PP non participara nunha ronda de traballo” e criticou a “opacidade, o escurantismo e a falta de transparencia” coa que se tramitaron “para impedir que a oposición non teña dereito á información”. “Agora, ás 12 seguimos sen ter o plan de investimentos e toda a documentación”, salientou, ao tempo que incidiu en que “van na boa liña, pero tamén é certo que nos gustaría ter participado máis na elaboración do proxecto”. “Din que son uns orzamentos participativos pero aos primeiros aos que lles impiden participar é aos representantes políticos da maioría dos lucenses”, manifestou Jaime Castiñeira.

Incremento gasto corrente e ingresos.-

Por outra banda, Castiñeira insistiu en que “se segue a medrar descontroladamente” o gasto corrente improdutivo, que só dende 2011 se incrementou nun 20% ao pasar de representar 35,9 millóns de euros aos 42,9 millóns para este exercicio. Nese senso, urxiu de novo ao goberno local á elaboración dun plan de control a curto e medio prazo, “imprescindible á vista do que se está a desbordar este capítulo e da posta en funcionamento de novas dotacións que o encarecen”. Por último, o voceiro popular tamén advertiu de que a previsión de ingresos do Concello de Lugo medra, dende a anterior proposta presentada hai uns dous meses, en 1,5 millóns de euros. “Que nos expliquen por que incrementaron un 5% en dous meses a presión fiscal sobre todos os lucenses”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies